22/09/09

Cultura copia os roteiros literarios que prepara a asociación de escritores

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) denunciou onte que o proxecto de crear rutas turísticos en “vilas literarias” galegas, que o conselleiro de Cultura fixo público este domingo, é “en todo semellante” aos “roteiros literarios” que este colectivo planifica dende hai anos e que estaba a pór en marcha co equipo de Ánxela Bugallo, durante o goberno bipartito. Porén, a Consellería non se puxo en contacto con eles para continuar con esta iniciativa e semella estar a deseñar un plan en paralelo.
Mercedes Queixas, secretaria da AELG, asegura que na reunión que o presidente da asociación mantivo co conselleiro o pasado 16 de xuño, “presentóuselle a proposta de continuar avanzando cos roteiros literarios, sempre coma unha colaboración”, pero o anuncio que fixo Varela dende Vilanova de Arousa foi “toda unha sorpresa e unha decepción” para este colectivo.
“Ante a falta de resposta durante estes meses, estabamos a traballar en sacar a iniciativa adiante pola nosa conta, co financiamento que poidamos reunir, de feito, estaba prevista unha presentación pública a finais deste mes”, di Queixas. A Consellería de Cultura non quixo onte confirmar se contará coa asociación de escritores ou algún outro grupo na súa iniciativa.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário