Mostrar mensagens com a etiqueta A lingua no centro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta A lingua no centro. Mostrar todas as mensagens

20/02/18

Dia de Rosalía 2018








A Asociación de Escritores en Lingua Galega anímanos a celebrar o 24 de febreiro, o  Día de Rosalía, coincidindo co 175 aniversario do seu nacemento. Para coñecelas picade na imaxe.  Ademais das propostas que nos fai a Asociación de Escritores, podemos lembrala de mil xeitos: léndoa, recitándoa, escoitándoa na voz dos nosos músicos e mesmo botando unhas risas á súa conta. Dous exemplos:



O dito, feliz Día de Rosalía 2018!!

15/01/18

Xa se achega o entroido

E mentres preparamos os disfraces, nunca está de máis un pouco de información organizada, a que nos achega esta presentación do noso compañeiro Lourenzo Álvarez, ao que lle agradecemos que comparta con nós o seu saber.



30/03/16

A voz das vítimas

As vítimas da violencia, en calquera das súas formas, son algo máis que números; son persoas cuxas voces non acostumamos a oír pero que terán historias semellantes ás destes microrrelatos. Agardamos que vos gusten.

Atentado en Bruxelas


Máis terrorismo

Ela tiña vinte e sete anos, el vinte e oito. Ela era arquitecta, el construtor.

Non se coñecían, pero estaban xuntos nun cuarto de hospital loitando polas súas vidas. Un ataque terrorista leváraos alí.

Lendo as últimas novas dun xornal sentiron xuntos a tristeza, a dor da xenofobia na Praza da Bolsa.
 (Xulia Boo)


Guerra en Siria




Nunca tiven medo

Somos pouco máis de cen persoas as que vivimos no barrio do Gato; unhas con máis comodidades cás outras, pero vivimos.

Non teño a sorte de ter moitos xoguetes, como Vamar; pero tampouco teño a desgraza de durmir no chan, como Simi.

Dá noxo que este tranquilo “Gato” reciba, día e noite, bombardeos constantes, non cres?
(Sheila García)



24/02/16

Día de Rosalía


Para afondar na vida e obra da esccritora, con motivo do Día de Rosalía que celebramos hoxe
Para primaria:
Para todos:

E para botar unhas risas:
 

Finalmente, a nosa noraboa aos compañeiros do IES As Barxas por este traballo:



14/01/16

DÚAS NOVAS FERRAMENTAS

Canto nos alegramos de comunicarvos que xa contamos con dúas novas ferramentas que veñen axudar a que a nosa lingua teña un chisco máis de vixencia.
Se clicades na primeira imaxe iredes directamente a DIGALEGO, un novo dicionario en liña con 65000 entradas e tamén:
  • Con etimoloxías.
  • Equivalencias en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán.
  • Con sinónimos, antónimos e variantes.
  • Conxugacións de verbos.
  • Buscas partindo de entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e italiano.


  • http://digalego.xunta.gal/digalego/Html/index.php



    E se clicades na segunda imaxe, accederedes a LERMOS. GAL, a primeira revista en liña adicada ao mundo das letras en galego.


    http://lermos.gal/

    25/11/15

    Dinamizamos o Taboleiro da Lingua




    Como ben sabedes, todos os meses imos pondo no noso taboleiro da lingua (ese que está situado no corredor central ao lado dunha pequena bruxa) novas relacionadas coa lingua e cultura galegas. Malia sabermos que, con asiduidade ledes todas as noticias que aí colga o EDL, queremos que fagades unha pequena tarefa. O mes anterior foron os de 4º ESO os que traballaron e fixeron unha actividade arredor do taboleiro. Desta vez, a sorte quixo que lles tocara aos de 1º de ESO. Por iso só tedes que contestar a esta batería de preguntas que a seguir vos imos indicar e ás que só lles poderedes atopar resposta coa lectura de todo o que este mes de novembro se foi pondo no dito taboleiro. Unha vez teñades as vosas respostas, non tedes máis que entrar en comentarios e indicar o voso nome e curso para así poder nós cualificarvos axeitadamente.
    Ánimo que é un traballo moi sinxelo!!!!

    1. Que páxina podedes atopar na rede para pescudar sobre xogos populares?

    2. Que gañou Gonzalo Hermo? Copia os versos que vas atopar no taboleiro que son da súa autoría.

    3. Quen é Ledicia Costas? Que vén de gañar?

    4. Que ocorreu o pasado 20 de novembro?

    5. Que noticia atopas sobre o Día da ciencia en Galego?

    6. De vacas é o fenómeno do que todo o mundo fala nos últimos meses. Por que?

    7. Que lle ocorreu a Xaquín Marín?

    8. Cales son os nomes populares dos dedos das mans?

    9. En que consiste o proxecto Regueifesta?

    10. Que se conta no artigo da Real Academia Galega “O desafío do primeiro discurso en galego na posguerra”?

    11. Gústache a banda deseñada? Que novo libro acaba de editar Xerais?

    12. Quen é Cristian Silva? Que vai estrear e dar a coñecer no CULTURGAL?

    13. Hai tamén no taboleiro unha recomendación literaria de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa. Cal é o seu título?

    Se logrades darlles resposta a todas as preguntas, non temos máis que darvos os nosos parabéns, fostes capaces de superar este TEST DE ACTUALIDADE.

    30/04/15

    O GALEGO E O MAR




    Nova actividade para 3º ciclo de Primaria e todo Secundaria. Estade atentos ao que tedes que realizar:

    Imos mergullarnos no noso mar particular e, xuntando o ensarillado das letras do alfabeto galego, atoparemos a maneira de formar rimas mariñeiras a prol do uso da Lingua Galega.
    Podedes empregar nomes de lugares, praias e illas que tod@s coñezades. Así ides realizar coplas coma estas:

                                              "Dende as Cíes a Ribeira
                                               co galego por bandeira"


                                               "Dende Noia ata o Son
                                                coa lingua de temón"

                                              
                                                "Cando ao xantar comer queiras
                                                 en galego pide "polbo con ameixas"

    Unha vez revisadas todas as rimas, estableceremos dous gañadores para Primaria e tres para Secundaria.
    Coas rimas gañadores faremos adhesivos para repartir entre todo o alumnado do centro.

    Animádevos e sede creativos!!!!!!!! Canto teñamos os resultados, aquí mesmo veredes os adhesivos.



    07/11/14

    Para seguir celebrando o outono


    E como o outono segue, dende o EDL enviámosvos un enlace á paxina de Política Lingüística, onde podedes atopar toda unha serie de recursos para traballar esta estación. De feito, podedes encontrar información sobre produtos típicos destas datas como a castaña, traballos interesantes sobre a vendima e incluso curtametraxes sobre relatos da literatura galega. Clicade na imaxe.
     http://www.xunta.es/linguagalega/outono_materiais_e_recursos





    21/10/14

    O TABOLEIRO DA LINGUA

    Como cada ano, está a disposición de toda a comunidade educativa o taboleiro da lingua. Nel, o EDL irá colgando mensualmente todas as novas relacionadas coa lingua que saen nos medios impresos ou dixitais. Dende logo, tamén teremos aí todo tipo de actividades culturais sempre relacionadas co potenciamento e o uso do galego. Canda fin de mes baleiraremos o taboleiro e todas as noticias irán a parar a un anuario. 
    Acordádevos, no corredor princial, preto do comedor e ao lado da nosa bruxiña, están todas as noticias que xorden nos medios ao redor da lingua. Botádelle un ollo a diario.


    20/10/14

    CONCURSO DE MICRORRELATOS




    I CONCURSO DE MICRORRELATOS

    Xa levamos un anaco andado do outono e estamos xa no tempo de conmemorar a chegada da caída da folla. Acompañados de castañas, cogomelos, melóns e produtos típicos desta época do ano, imos celebrar tamén o Samaín.

    Sabedes que, segundo os nosos devanceiros, a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro era a máis perigosa do ano: as portas do outro mundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar a parte terreal. Para afastar dos seus castros estas perigosas ánimas defuntas, adoitaban poñer no alto dos muros as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña.

    Pois xa que estamos metidos neste ambiente tan tétrico, propoñémosvos ao alumnado do 2º Ciclo que participedes na elaboración dun microrrelato terrorífico. Tende en conta as seguintes bases:

    -Os relatos deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e inéditos, e terán unha extensión máxima de 100 palabras escritas a ordenador.

    -Para a súa elaboración partirase do cadro O grito de Eduard Munch.

    -Forma de participación: o microrrelato será asinado cun pseudónimo e irá acompañado dun sobre pequeno onde se indicará o nome, apelidos e grupo do participante. O sobre, por fóra, levará escrito o pseudónimo.

    -Os sobres entregaranse na secretaría do centro.

    -O prazo para a presentación dos traballos remata o día 4 de novembro.

    -Haberá un único premio, aínda por determinar, para o gañador do certame.  O premio poderá declararse deserto.


    O grito

    22/09/14

    AS LECTURAS DO TRIMESTRE

    E para comezar xa,  presentámosvos as lecturas que se propoñen para este trimestre en lingua galega nos distintos niveis de Secundaria:

    1º ESO                  
    4º ESO
    2º ESO



    3º ESO
    Os de primaria tedes un libro-disco moi bonito: a segunda entrega do proxecto María Fumaça, Xiqui Xoque, fiú, fiú, do que vos deixamos un vídeo. Que vos guste.


    08/05/14

    VISITA DE ARMANDO REQUEIXO

    O pasado día 7 visitounos o profesor Armando Requeixo para falarnos do persoeiro homenaxeado nas Letras galegas 2014, Xosé María Díaz Castro, e fixo fácil o difícil: manternos unha hora atentos e contentos escoitando falar de literatura, nada menos.
    Dun xeito moi ameno, falounos do escritor desde tódolos puntos de vista: da súa infancia, da súa formación na adolescencia, das súas vivencias na guerra civil, da dificultade da posguerra, do seu namoramento e matrimonio cunha vasca, do seu traballo como tradutor de linguas europeas en  Madrid e.. por fin, da súa volta ao Guitiriz natal.
    Por suposto, abordou ademais a súa obra máis coñecida, Nimbos, e o seu poema máis emblemático, "Penélope", pero moitas máis obras e poemas soltos que non coñeciamos e que el recompilou e editou no volume  Xosé María Díaz Castro, Poesía galega completa.
    Quixo transmitirnos tamén dúas ideas: que Díaz Castro é un escritor de moito máis ca unha obra e que foi un dos grandes da literatura galega, admirado polos demais escritores do seu tempo, como Novoneyra, Manuel María, Xohan Cabana ou  Fernán Vello, entre outros.
    Ao rematar, aínda asinou no libro de visitas da nosa biblioteca e nos adicou algún dos seus libros.

    Dámoslle pois as grazas, polo seu saber e polo seu bo facer.







    23/04/14

    Día do libro 2014

    En 4º PDC celebrámolo por adiantado lendo e comentando na prensa do día unha carta ao director titulada "Libros para que?". Logo manipulámola e creamos con ela poemas seguindo as técnicas dadaístas. O resultado compartímolo con vós na entrada da biblioteca. Agardamos que vos guste.


    28/04/13

    Día do libro en Lousame

    En secundaria, co gallo da celebración do día do libro, puxémonos todos a ler; un por un, todos os alumnos foron pasando pola bibilioteca para enfrontarse a un libro de Cunqueiro, Os outros feirantes. Cada un deles leu un anaco dos fantásticos relatos que o autor nos ofrece. Pero non só leron alumnos, tamén os profesores colaboraron nesta lectura conxunta, mirade o vídeo da nosa xefa de estudos.










    26/04/13

    Fotos dos contos viaxeiros


    Como vos prometeramos, as fotos dos dous libros non se fan esperar máis; de todos os xeitos onde mellor se aprecian é no corredor, pasade e mirádeos con calma.




















    24/04/13

    Conto viaxeiro



    No que vai de curso, que non é pouco, estivemos traballando, como xa vos anunciaramos, en dous contos viaxeiros. De aula en aula foron pasando as historias e as ilustracións que deron como resultado un libro feito polos alumnos/as de Infantil e Primaria e outro feito polos rapaces/as de Secundaria. O primeiro xa está exposto no corredor e o segundo viaxou onte ata Coruña; acudiu, xunto cos rapaces de 1º ESO, a un congreso. En breve irá facerlle compaña ao seu compañeiro. Agora falta poñerlles a ambos os dous textos un título; para iso esperamos as vosas suxestións. Facédenolas chegar a traves das urnas que están xunto aos contos. 
    De todos os xeitos, nos vindeiros días, veredes as fotos das marabillosas ilustracións que fixéchedes en Primaria e Infantil e tamén as do estupendo traballo que os rapaces de 4º, xunto co profesor de Plástica, desenvolveron para darlle imaxe á historia do alumnado de Secundaria.

    Moitas grazas a todos os titores pola súa colaboración e noraboa a todo o centro polo traballo realizado.