Mostrar mensagens com a etiqueta Díaz Castro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Díaz Castro. Mostrar todas as mensagens

08/05/14

VISITA DE ARMANDO REQUEIXO

O pasado día 7 visitounos o profesor Armando Requeixo para falarnos do persoeiro homenaxeado nas Letras galegas 2014, Xosé María Díaz Castro, e fixo fácil o difícil: manternos unha hora atentos e contentos escoitando falar de literatura, nada menos.
Dun xeito moi ameno, falounos do escritor desde tódolos puntos de vista: da súa infancia, da súa formación na adolescencia, das súas vivencias na guerra civil, da dificultade da posguerra, do seu namoramento e matrimonio cunha vasca, do seu traballo como tradutor de linguas europeas en  Madrid e.. por fin, da súa volta ao Guitiriz natal.
Por suposto, abordou ademais a súa obra máis coñecida, Nimbos, e o seu poema máis emblemático, "Penélope", pero moitas máis obras e poemas soltos que non coñeciamos e que el recompilou e editou no volume  Xosé María Díaz Castro, Poesía galega completa.
Quixo transmitirnos tamén dúas ideas: que Díaz Castro é un escritor de moito máis ca unha obra e que foi un dos grandes da literatura galega, admirado polos demais escritores do seu tempo, como Novoneyra, Manuel María, Xohan Cabana ou  Fernán Vello, entre outros.
Ao rematar, aínda asinou no libro de visitas da nosa biblioteca e nos adicou algún dos seus libros.

Dámoslle pois as grazas, polo seu saber e polo seu bo facer.







21/06/13

DE BOLAÑO A DÍAZ CASTRO

E, parafraseando o título do libro de Ferrín, de Santiago a Guitiriz. Rematamos o curso co anuncio da RAG de que no 2014 o homenaxeado das Letras Galegas será o poeta Díaz Castro, autor da obra Nimbos e cuxo poema, "Penélope",  aparece en tódalas antoloxías e historias da literatura galega. Un poema para o momento que lle tocou vivir ao autor e que, pasado o tempo, volve ter ecos de actualidade. Lédeo e disfrutádeo. Bo verán a todos!

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.

Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!