08/05/14

VISITA DE ARMANDO REQUEIXO

O pasado día 7 visitounos o profesor Armando Requeixo para falarnos do persoeiro homenaxeado nas Letras galegas 2014, Xosé María Díaz Castro, e fixo fácil o difícil: manternos unha hora atentos e contentos escoitando falar de literatura, nada menos.
Dun xeito moi ameno, falounos do escritor desde tódolos puntos de vista: da súa infancia, da súa formación na adolescencia, das súas vivencias na guerra civil, da dificultade da posguerra, do seu namoramento e matrimonio cunha vasca, do seu traballo como tradutor de linguas europeas en  Madrid e.. por fin, da súa volta ao Guitiriz natal.
Por suposto, abordou ademais a súa obra máis coñecida, Nimbos, e o seu poema máis emblemático, "Penélope", pero moitas máis obras e poemas soltos que non coñeciamos e que el recompilou e editou no volume  Xosé María Díaz Castro, Poesía galega completa.
Quixo transmitirnos tamén dúas ideas: que Díaz Castro é un escritor de moito máis ca unha obra e que foi un dos grandes da literatura galega, admirado polos demais escritores do seu tempo, como Novoneyra, Manuel María, Xohan Cabana ou  Fernán Vello, entre outros.
Ao rematar, aínda asinou no libro de visitas da nosa biblioteca e nos adicou algún dos seus libros.

Dámoslle pois as grazas, polo seu saber e polo seu bo facer.







1 comentário:

  1. Anónimo9/5/14 12:29

    A min gustoume a charla de Armando Requeixo e aprendin cousas novas sobre Xosé María Díaz Castro. A miña opinion e que falounos todo con moi bo humor e que estaría encantado de que volvera a vir.

    ResponderEliminar