02/10/09

A rosa dos ventos para 3.000 versións en galego

Un grupo de investigadores do departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo veñen de pór en marcha a Biblioteca da Tradución Galega (Bitraga), un catálogo que recolle máis de tres mil obras literarias doutras linguas traídas ao galego e os seus orixinais e que se poderá consultar na dirección de Internet www.bibliotraducion.uvigo.es. O proxecto, que foi presentado co gallo do Día Internacional da Tradución polas investigadoras Ana Luna, Iolanda Galanes, Áurea Fernández e Silva Montero; pretende ser unha recompilación das obras traducidas ao galego dos últimos trinta anos, dende o ano 1980 até hoxe.
Ana Luna, unha das responsables desta iniciativa, sinala que a intención é “crear unha ferramenta aberta a todos os públicos e non só os que se dedican de xeito profesional á tradución” e engade que o que se pretende é “proporcionar información a calquera usuario de onde poden atopar cada obra traducida e o seu orixinal, se non é na Biblioteca da Facultade de Tradución de Vigo, sexa na que estea máis preto posible do usuario”.
A Bitraga permitirá realizar diversas buscas sobre autores, tradutores, editoriais ou mesmo xéneros completos dende o ano 1980. A vontade dos responsables é ampliar marxe temporal e ir incorporando a este catálogo traballos anteriores.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário