02/10/09

Caixanova renova o seu espazo con dous séculos de pintura galega

O Espazo Colección Caixanova, dedidado á exhibición dos fondos artísticos desta entidade financeira, amosou onte a súa nova edición, coa idea de converterse nun museo permanente no que se mostra unha selección única de obras de artistas galegos, que ilustran a creación plástica do século XIX aos nosos días. É a cuarta revisión que sofren as obras expostas neste espazo dende que foi inaugurado en Vigo en 2003.
As seis salas reservadas no Centro Cultural Caixanova, todas de acceso gratuíto, amosan o percorrido cronolóxico deses dous séculos a través dun cento de pezas, das cales a metade se mostran neste espazo por primeira vez e trinta delas son de recente adquisición. Outras obras móstranse de novo pero con nova localización ou tratamento, conformando lecturas diferentes. Entre as novidades está benvida ao Espazo, que queda nas mans do mellor paisaxista español do romanticismo, Jenaro Pérez Villamil. De recoñecido prestixio a mediados do século XIX nas casas reais de Europa, a súa obra anuncia o rexurdimento da pintura en Galicia.
Este proceso materialízase posteriormente na beleza de retratos e paisaxes como os que se mostran por primeira vez nesta edición, de Dionisio Ferros ou Corredoira, xunto aos fundamentais de Castelao ou Sobrino. Dama leyendo, de Sotomayor, é unha xoia na que se advirte a influencia dos mestres holandeses nun artista que conseguiu que Galicia tivese un nome relevante no Madrid de comezos do século XX.
A sala dos renovadores saúda con novas fotografías de Caamaño e as recentes adquisicións de Arturo Souto, Luis Seoane e Maruja Mallo. O óleo de Souto Capilla nun pobo de Castela, de 1945, contén os seus trazos grosos, curtos e rápidos, de riquísimos matices, que evidencian o seu excepcional talento.
Vale a pena pasar a velas! Animádevos!

Sem comentários:

Enviar um comentário