12/06/09

"Reflexións dunha docente"

Queremos reproducir aquí a opinión dunha docente de Educación Infantil do noso centro, que é persoal pero expresa o sentir dun amplo sector do profesorado e que, dende logo, compartimos no noso ENDL:

A ENQUISA. NON TODO É OPINABLE

A LOE define 8 competencias básicas que o alumnado debe adquirir ao longo da súa escolaridade. Entre elas está a Competencia Lingüística nas dúas linguas que existen en Galicia. O profesorado ten a RESPONSABILIDADE de conseguilo, tan a formación para facelo e sabe tomar as decisións PEDAGÓXICAS E DIDÁCTICAS precisas para levalo a cabo. A Lei de Normalización Lingüística e os decretos que a desenvolveron ata o de agora dotaban aos docentes dun marco legal de referencia para poder traballar esa competencia lingüística nas dúas linguas.
O que se pretende agora desde a Consellería de Educación é por unha banda negarlle aos profesionais do ensino o marco legal necesario para tomar as decisións pedagóxicas correctas. Por outra, conducir a esta sociedade a un proceso de aculturación e empobrecemento lingúístico do que xa abondou o vivido durante séculos.
Se estamos ante unha decisión pedagóxica é aos docentes a quen lles corresponde tomala. Deixala a criterio das familias é tan aberrante como pretender que decidan se o alumndo debe aprender a sumar, a utilizar as novas tecnoloxías, a recibir clases de música, etc.
Consultaríamoslles tamén o calendario de vacinacións, por exemplo?
As familias toman decisións sobre a lingua ou as linguas nas que se comunican cos seus nenos e nenas, e utilizan criterios diversos. Desa diversidade nace a riqueza cultural, e non pasa nada porque nas aulas se mesturen nenos e nenas que falan unha ou outra lingua. Sucede na rúa, nos lugares de ocio, na vida cotiá e non hai conflicto se non se quere buscar.
Por tanto deixemos ben claro que a lingua na que cada familia fale cos seus fillos e fillas é decisión súa, pero a lingua na que as rapazas e rapaces aprenden é unha decisión pedagóxica que xa ten o marco legal que precisa.
Deberiamos preguntarnos por que o alumnado catalán e galego ven obtendo na proba de selectividade de “Lengua Castellana” os mellores resultados de todo o país.
Unha última reflexión: moitos docentes pertencemos a unha xeración que non tivo a oportunidade de aprender nunha escola en galego nin o galego na escola, pero decidimos que negarlle a entrada nas nosas vidas a unha cultura ao noso alcance era, cando menos unha insensatez que unicamente podía estar sustentada en prexuizos miserentos. Pode que non sexamos deses “profesionais de prestixio” que estudan 5 ou 6 anos de carreira, varios máis de especialidade, un máster en calquera país do mundo, etc. e non son quen de aprender a lingua das persoas coas que conviven e traballan.


Agardamos os vosos comentarios.

Sem comentários:

Enviar um comentário