19/06/09

“Que gracioso, … una francesa que habla gallego!”

Eu non son de aquí, eu non nacín aquí aínda que, ata hai días, sentíame de aquí... pensaba que podía ser unha máis nesta terra galega, tan semellante á que me viu nacer, nesta terra pacífica que soubo manter a súa tradición a pesar dos avatares da historia, nesta terra de inmigrantes que me acolleron cos brazos abertos, nesta terra que me deu o privilexio de ofrecerme unha lingua nova, unha cultura distinta, nin mellor nin peor, diferente, con outros valores e cunha morea de ventás abertas ó crecemento persoal e á tolerancia cara ós demais, ós que veñen doutros horizontes.
Ofreceume tamén un sopro de esperanza -que inxenua!- cría que a tolerancia lingüística era posible, que non gañaba sempre o máis forte, que aquí, nesta terra onde resoan unhas notas semellantes ás da gaita da miña infancia, non volvería vivir o que xa sufrira nas miñas propias carnes, pero xa se sabe... a historia repítese...
Alí onde nacín, nun recuncho do país da Liberdade, da Fraternidade e da Igualdade, só tiñamos dereito a falar e a sermos escolarizados na única lingua do estado centralizador. Na miña aldea, a lingua da miña avoa, non soaba igual cá da mestra, da presentadora da tele ou cá dos nenos que “sabían falar”! Así era como aqueles que saben onde está o ben e o mal nos catalogaban. Máis adiante, xa no instituto e logo na universidade, unha vez aprendida a lingua “correcta”, etiquetaron o meu acento como “rústico”... pero, co tempo, a meta alcanzouse, os nenos da miña aldea, hoxe en día, xa non “falan mal”, nin empregan palabras dialectais, xa non teñen “acento do campo”... por fin, usan as palabras do “idioma que cómpre” e, por suposto, calaron para sempre as verbas da miña nenez, as que usaba a miña avoa e, antes ca ela, os pais dos seus pais: obxectivo cumprido!
Dentro duns días, vanse cumprir catorce anos da miña chegada a esta terra irmá, viña chea de ilusións e co desexo de aprender canto máis mellor. Nunca pensaría que este aniversario ía ser tan triste, tan desesperanzador. Nunca pensaría que algún día tería que escoitar comentarios tan curiosos como “que gracioso, una francesa que habla gallego”! Que alguén me explique onde está a graza! E logo, unha francesa que fale inglés é banal, que fale italiano é normal, que fale alemán é... Hai adxectivos distintos segundo o idioma que se aprenda? Non o imaxinaba! Eu intento aprender os idiomas que a vida me presenta, sen cualificalos de útiles ou prestixiosos e, cada verba nova é unha riqueza máis no meu tesouro lingüístico.
Douvos as grazas por compartirdes comigo este tesouro que soubestes preservar. Eu seguirei a falar galego porque aprendín que a liberdade, detrás da cal se escudan unha vez máis para atropelaren os dereitos das minorías, é un ben sen prezo, pero que lle vou facer eu... Podo axudarvos a protexer o legado dos vosos pais, dos vosos avós, a vosa memoria, pero non podo impedir que desapareza mañá, pasado ou dentro duns anos se así é o desexo dunha maioría do voso pobo...

Marie-Christine Flaux (La Voz de Galicia, Ed. Dixital, 16/06/2009)
Que vos parece? Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário