08/06/09

PREMIOS XERAIS 2009


A defensa do galego converteuse no eixo central do acto que Xerais celebrou na illa de San Simón este sábado para dar a coñecer os gañadores dos premios literarios que concede a editorial. Rosa Aneiros gaña, dunha vez, o Xerais e o premio da Fundación Caixa Galicia, cos títulos "Sol de inverno" e "Ás de bolboreta". É a primeira vez que os dous premios recaen nunha mesma autora, con dous textos diferentes. O premio ao mellor título infantil, o premio Merlín, foi para Jacobo Fernández Serrano pola obra "Mil cousas poden pasar". A lingua estivo presente dende o primeiro momento na festa literario-musical na que participaron máis de trescentas persoas Celia Torres, coordinadora dos premios, foi a encargada de presentar o acto que inaugurou subliñando a “importancia de falar a fala nai”, en lembranza a Celso Emilio, e asegurando que Xerais “falará en galego todo o tempo”.
Nesta liña, o escritor Agustín Fernández Paz, como mantedor literario do acto, leu o discurso ‘Oito doas para San Simón’, no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade .
A música da velada correu a cargo do dúo de zanfonas ‘Sobre rodas’, integrado por Luís Correa ‘O Caruncho’ e Carlos do Viso, que interpretaron os temas: “Alalá de Muxía”, “Foliada de Baiona”, “O home do sombreiro” e “As matas”.


Sem comentários:

Enviar um comentário