09/06/09

Galaxia achega catro “historias de vida” de galegos na diáspora


A orixe das narracións está no descoñecemento que o autor notou sobre a figura do galeguista Xesús Canabal Fuentes

Consciente de que a escrita sempre perdura, o santiagués Manuel Losa –libreiro en Montevideo e narrador incansable da emigración dende que a filla do fotógrafo Manuel Ferrol o empurrou a escribir sobre o tema– vén de publicar unha nova obra en Galaxia que recolle as “historias de vida” –expresión da súa colega historiadora Pilar Cagiao– de catro emigrantes que debullan coa súa experiencia persoal o periplo colectivo dos galegos a América.Catro historias de emigrantes, presentada onte na cidade natal do autor, ten a súa orixe nunha visita de Losa a Santiago en 2004. “Cando vin promocionar o 125 aniversario do Centro Galego de Montevideo, do que era vicepresidente, decateime do descoñecemento que aquí había de Xesús Canabal Fuentes”, di.Este empresario galeguista, fillo predilecto do Pino, foi unha importante figura que chegou a ministro da República no exilio entre o 58 e o 62. Losa non quedou contento coa pouca información que en Galicia se tiña del e decidiu continuar con esta liña de investigación.O resultado evidente é o libro que agora presenta. Antón Crestar Faraldo, antigo presidente do Centro Galego de Montevideo, amigo de Canabal e doutros persoeiros da cultura galega, mesmo Castelao, abre un libro sobre catro emigrantes que “non teñen moito que ver o un co outro”. Búscase “a diversidade”. A obra non pretende ser un ensaio sobre o tema, senón un conxunto de “relatos puros baseados na palabra deles mesmos”, explica o autor. Cagiao, que tamén asistiu á presentación, coñeceu a Faraldo, e aseguraba onte, como experta na súa figura, que o retrato de Losa é “un fidelísimo reflexo” da súa vida.

Sem comentários:

Enviar um comentário