18/04/18

INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL-I


Era este un proxecto do EDL dende hai tempo que por fin este curso se puido realizar co IES As Bizocas d’O Grove, ao que damos as grazas xa pola fantástica xornada que nos prepararon.
Logo do intercambio de cartas e materiais entre  o alumnado, que serviu para crear unha enorme expectación, na mañá de onte, 17 de abril, chegamos ao Grove e fomos recibidos no centro cunha grande pancarta..
Tralas palabras de benvida da directora e as  presentacións en persoa do alumnado, coas que pasamos un bo anaco, iniciamos un percorrido por distintos puntos da vila  guiados por un cicerone excepcional, o profesor Pepe García. Para comezar,demos un pequeno paseo pola Toxa e visitamos a aldea dos Grobits e os literarios burros da illa (Emilia, Pardo, Bazán e…); a continuación, fomos en bus ata Porto Meloxo e fixemos unha pequena camiñada ata as salgadeiras As Moreiras, onde un guía nos ilustrou sobre distintos aspectos desta antiga técnica de conservación do peixe. Como aínda quedaban folgos, subimos á Siradella, e gozamos das fermosas vistas que ofrecen os miradoiros. Xa para rematar, comemos no centro da vila e levamos aos compañeiros do Grove ata o seu centro, onde os despedimos para volver a Lousame; antes, claro, aínda paramos na fermosa Praia da Lanzada.
Foi unha experiencia moi enriquecedora para todos, profes e alumnos, tanto no seu aspecto social como cultural e, por suposto, lingüístico, porque toda a actividade se realizou na nosa lingua.

O 30 de maio devolverannos a visita. Xa nos tarda!!



Intercambio Grove_presentacións on PhotoPeach

Intercambio O Grove_Salgadeiras As Moreiras on PhotoPeach

Intercambio O Grove_Toxa,Porto Meloxo e A Siradella on PhotoPeach

Sem comentários:

Enviar um comentário