31/05/16

I FEIRA TRADICIONAL NO CPI CERNADAS DE CASTRO



Dende o EDL (Equipo de Dinamización Lingüística) e coa colaboración de todo o profesorado de Infantil, Primaria e parte de Secundaria quixemos levar a cabo unha actividade novidosa co gallo da celebración do Mes de Manuel María.
Trátase da celebración dun mercado tradicional no que participou todo o alumnado de Infantil e Primaria e que tivo lugar no CPI Cernadas de Castro, en Lousame, o pasado 27 de maio.
            A actividade consistiu no seguinte: Cada nivel tiña un posto de comida atendido en todo momento polos seus titores/as e no que o alumnado, por quendas, foi atendendo as demandas dos seus compañeiros/as.
            O alumnado e o profesorado foron vestidos de época e, durante a mañá, puidemos escoitar música tradicional galega da man do músico e gaiteiro Fernando Docampo, xunto cos compoñentes da agrupación Gaitas do Liceo de Noia e O son do Pote de Lousame. Dende logo, non faltaron xogos populares, así como filloas feitas no momento e incluso churros. A asociación A Creba tamén nos acompañou cunha exposición de produtos elaborados por todos os seus integrantes.
            Asemade, contamos cunha exposición de oficios tradicionais que os familiares do noso alumnado fixeron voluntariamente: ferreiro, hortelá, canteiro, carpinteiro, palilleira, florista, costureira, tecelá, muiñeiro, cesteiro e artesán de gaitas. Ao rematar e, a pesares da choiva, servimos a comida para todos/as no exterior.
            Queremos agradecer tamén aos pais/nais do noso alumnado a súa colaboración, xa que achegaron toda a parte gastronómica, así como a Rafa, o noso churreiro, exalumno do centro, que altruistamente serviu churros durante toda a mañá.

Mil grazas a todos e ata a próxima.


Para ver os vídeos da TVG clica aquí, aquí e aquí.

Para ver as fotos clica aquí.


















Sem comentários:

Enviar um comentário