13/03/12

Visita de Héctor Carré


O pasado 5 de marzo visitou o noso centro o escritor e tamén director de cine Héctor Carré. Como sabedes, a súa última obra, Febre, foi galardoada co Premio Xerais de Literatura Xuvenil.
Adicou gran parte da case hora e media que pasou connosco a explicarnos como e de onde sacou a documentacion que empregou antes de escribir esta obra; como xurdiu a idea de facer protagonista a unha muller e como, a partir de aí, ten que artellar toda a historia. Non pode desvincularse da súa faceta de director de cine e isto nótase moito cando lemos unha obra coma Febre, que naceu dun guión inicial que ía ser levado ao cine.
Pasamos tamén un bo anaco facéndolle preguntas sobre a súa faceta como guionista, sobre todo de series coma  “Matalobos” e “Libro de famlia” e tamén falamos do seu traballo como axudante de dirección na organización da rodaxe co tan coñecido Steven Spielberg.
En fin, foi unha tarde agradable onde ademais de conversar e contestar ás nosas preguntas, dedicou un anaco a falar con Maite Sobradelo, unha antiga alumna do colexio que ten un importante traballo de campo sobre as Minas de San Finx e a época dourada do volfram.
Para rematar, asinounos os nosos exemplares e non marchou sen admitir que, en caso de ter orzamento necesario, non dubidará en dirixir a rodaxe da película sobre esta obra ambientada en Lousame e Noia.

Sem comentários:

Enviar um comentário