05/04/10

A Mesa urxe á corrección de 115 sinais viarios que exclúen o galego



O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse ao ministro de Fomento, Xosé Blanco, para o urxir a que se corrixan un total de 115 indicadores viarios que exclúen a lingua galega. Callón lembra no escrito que “a lexislación estatal sinala desde comezos dos anos 80 que non se pode excluír o idioma propio destas sinalizacións, mais en Galiza esta norma continúase a vulnerar, o cal é unha irregularidade que non debería permitirse por máis tempo”. Os sinais pertencen á autovía A-6, á autoestrada A-9, así como á N-VI e á N-634. Porén, desde a Mesa matizan que “a relación que presentamos só é unha pequena parte da exclusión do galego nas sinalizacións das estradas”. Ademais de indicadores que non figuran en galego, como Por su seguridad, control de velocidad ou Arroyo, desde A Mesa tamén rexistraron 20 sinais con topónimos deturpados, como *San Mamed, *La Porteliña e *La Coruña.
"Impensábel en Cataluña"“Estamos ante unha situación de desleixo e abandono que sería impensábel noutros territorios do Estado con lingua propia diferente do castelán, como por exemplo Cataluña”, apunta Callón. Ademais de ao ministro, a organización tamén remitiu a súa queixa ao Defensor e ao Valedor do Pobo, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Oficina de Linguas Oficiais, ao Departamento de Calidade dos Servizos Públicos e ao secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário