19/04/10

A AELG premiou en Compostela as mellores obras editadas en 2009


Luz Pozo, premiada na categoría de Poesía por 'Deter o día cunha flor', tamén recibiu o galardón da Crítica Española pola mesma obra.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou esta fin de semana en Compostela os premios ás mellores obras publicadas en 2009 en oito categorías e á institución que salientou na defensa da cultura do país no decurso da xa tradicional Cea das Letras. Os premios xa se van consolidando como uns dos de máis prestixio da nosa literatura.Na categoría de Ensaio resultou gañadora a obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero e publicada por Xerais. En Literatura Infantil e Xuvenil recibiu o galardón Agustín Fernández Paz, con Lúa do Senegal (Xerais). A obra poética premiada foi Deter o día cunha flor, de Luz Pozo, editada por Baía.A distinción na categoría de Narrativa foi para Xosé Cid Cabido, por Unha historia que non vou contar (Xerais), en Teatro para Rubén Ruibal, por Delimvois (Xerais/IGAEM), e en Tradución para Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, por O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia).Manuel Rivas recibiu o premio á mellor traxectoria xornalística e Manuel Bragado polo mellor blog literario, outorgado a Brétemas. A institución distinguida este ano foi o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, mentres que o premio ao Escritor Galego Universal foi para Juan Gelman.

1 comentário:

  1. O blog de Bragado está moi ben, resulta moi ameno de ler e ten temas moi variados, ata de fútbol que el é moi forofo.
    Hai que poñelo entre as suxestións dos enlaces para visitar.

    ResponderEliminar