22/02/10

A nena e o grilo

A nena e o grilo é o novo libro-CD que agora ve a luz dentro da colección máis musical de OQO editora, Q son. Un mosaico de textos, cancións e debuxos conforman este volume no que o coñecido compositor Magín Blanco se encarga de encaixar todas as pezas.
Mais o músico ourensán non está só, nesta aventura acompáñano as carismáticas e persoalísimas voces de Uxía, Fred Martins, Guadi Galego, Ugia Pedreira… e ata un coro de nenos. Eles poñen a música, e Iván Prieto, as imaxes.
O ilustrador galego utiliza unha multitude de recortes con diferentes tonalidades e texturas para as imaxes. A aposta de Prieto pola colaxe débese a que é a técnica que mellor lle acae a esta historia híbrida e heteroxénea. Ademais, decántase por unha estética actual, e sitúa as aventuras dos protagonistas no marco da cidade, onde explota elementos urbanos como a publicidade, ou os carteis.
A nena e o grilo é o resultado do labor conxunto de moitas persoas que cren que calquera traballo para os nenos e nenas debe ser tratado con esmero e coidado tanto no apartado das imaxes, coma no musical, os arranxos na produción e na interpretación.
Esta atención máxima resulta imprescindible para un proxecto que está pensado para conectar a escola coa vida e adoptar unha actitude crítica e construtiva a prol de valores básicos ―respecto pola natureza, liberdade, solidariedade, afecto, convivencia, identidade, amizade...― . Para iso, precísase un sistema de valores compartidos e de materiais que se poidan integrar dentro dos procesos de aprendizaxe.
Dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo descobre dimensións determinantes da existencia e abre horizontes positivos e ilusionados, na construción de nós mesmos e a sociedade.
Estamos ante unha obra ambiciosa e cosmopolita que invita a ter fe na vida e nos outros a través dunhas cancións que reparten aloumiños a eito e amosan un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades.
Ao mesmo tempo, é un material, para todos os que traballan e apostan por un ensino aberto, innovador e significativo, no marco dos problemas e os cambios sociais que teñen lugar na realidade.
En conclusión, un chisquiño de mel neste mundo egoísta e feroz que habitamos. Para fuxir do frío e sentirse moradores no verdadeiro País das Apertas porque as cancións de Magín Blanco son, tanto pola melodía como pola letra, para degustar en familia, nas festas, entre amigos.

Sem comentários:

Enviar um comentário