02/11/09

Como se fabrica un cantagalos

Abordamos esta semana a construción dun instrumento musical que habitualmente recibe o nome de cantagalos. Desde o punto de vista clasificatorio, os cantagalos son unha clase particular de aerófonos –o aire contido nun tubo é posto en vibración mediante lingüetas ou polos beizos do propio tocador– que non precisan de cavidade para emitir o seu son, polo que en particular está na categoría dos aerófonos libres. Outros instrumentos que tamén están na categoría dos aerófonos son por exemplo as filharmónicas, o acordeón, os asubíos, os apitos, os chifres, as frautas, os pitos, a caramela e, por suposto, as gaitas de fol. O cantagalos é un aerófono no que unha laminiña vibra ao pasar o aire por ela. Posto que en Galicia temos unha variedade moi grande de nomes para referirnos ao mesmo obxecto, estaremos encantados de aprender dos lectores aquelas variantes que nos queiran facer chegar a ronsel@uvigo.es onde tamén poderán obter asesoramento sobre onde mercar os materiais necesarios para a construción dos instrumentos.
A sinxeleza dos cantagalos fainos pensar inmediatamente nun instrumento musical moi antigo, de feito a presenza de instrumentos semellantes en diferentes culturas musicais por todo o planeta así o indica. Os máis semellantes aos galegos aparecen nalgunhas culturas musicais centroafricanas onde son tamén xogos de nenos.
Igual que nos instrumentos musicais de pasadas semanas completamos esta información escrita cun vídeo onde se poden seguir os pasos para a construción dun cantagalos.
Estes materiais audiovisuais están dispoñibles tanto no portal do proxecto Ronsel http://ronsel.uvigo.es como na canle creada en youtube co nome ProxectoRonsel. Por suposto, tamén se poden consultar en http://www.xornal.com están dispoñibles todas as publicacións anteriores.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário