Di o tópico que os escritores de agora non son tan comprometidos coma os de antes, pero autores de hoxe con aproximacións literarias ben distintas , María Lado (Cee, A Coruña, 1979), Sechu Sende (Padrón, A Coruña, 1972), e Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) coincidiron onte en que o simple feito de escoller unha lingua minorizada coma o galego para expresarse xa é un posicionamento político do que non se pode fuxir, aínda que se quixera.
A mesa redonda O peso da nación, formada por estes tres autores e moderada por Francisco Castro, foi a derradeira do IV Encontro de Novos Escritores que baixo o epígrafe Eu ou Nós? celebrouse nesta fin de semana no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Espinosa, Lado e Sende tentaron responder a pregunta que lles fixo o moderador ao comezo “ata que punto é necesario que a nación se agoche detrás de cada verso”.
E no contexto actual, de constante perda de falantes, Sende fixo unha rotunda profecía: “O futuro será neofalante, ou non será”. O autor de Made in Galiza lembrou que el era castelánfalante, “porque pensaba que estaba ben non ser demasiado galego”, pero logo tomou conciencia da necesidade de “non ser coma un cultivo hidropónico, no que as raíces non tocan a terra” e animouse primeiro a escribir e logo a falar en galego. “De que uns cantos milleiros de persoas cheguen a ese mesmo entendemento depende o futuro da nosa lingua”, dixo. Tamén pediu a fin das leas ortográficas entre reintegracionistas e isolacionistas, “porque é o momento de respectar a todos os que traballen polo galego”.
María Lado sinalou que a literatura galega é inseparable da idea de compromiso, da percepción de ter unha cultura propia e diferente. Se iso non existise, ninguén tería necesidade de escribir unha soa palabra en galego”. Porén, engade que: “Cando chegamos os da miña xeración, xa se remataran as croquetas que fixeron coa momia de Castelao –en referencia á falcatruada que propón Suso de Toro en Polaroid–. Non sentimos a necesidade de ter un compromiso político tan evidente coma ‘os de antes’, e fuximos da patria como da morte”.
Para a autora de Berlin iso significa que o compromiso existía pero pasaba por ter “unha lingua normalizada e normal, coa que se podía facer calquera cousa nunha nación normalizada e normal”. Foi un cambio no sistema literario que reflectiu unha nova forma de ver as cousas na sociedade, “proba de que o ecosistema das letras galegas está vivo”. Aínda así, Lado prevé unha nova mudanza causada por “Galicia Bilingüe, un país imaxinario no que os castelánfalantes están discriminados”, xa que lles pode amosar aos escritores que volve ser necesario defender a lingua de xeito activo.
Estíbaliz Espinosa, pola súa banda, situou a súa postura nun punto medio entre a convicción de que “se esquecemos o que somos, devimos en calquera” e o feito de que “un compromiso político demasiado explícito, aínda que sexa afín, estraga a literatura”. Polo tanto, a autora de Pan (libro de ler e desler), explica que na súa literatura o concepto de nación “é como a materia escura que move a nave de Futurama, pequena e moi densa, imprescindible pero pouco evidente”.
Opinade!
Sem comentários:
Enviar um comentário