27/04/09

Día do libro: As bibliotecas virtuais melloran os seus servizos

En tempos de crise, recorrer a estes bens públicos é unha maneira de aforrar e consultar materiais inaccesibles no papel. Bugalicia e a Unesco poñen en marcha novos portais. Outras iniciativas, como o ‘bookcrossing’, propoñen unha forma de gozar do Día do Libro sen gastar cartos.
Xulián Maure, responsable da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), ve nisto un problema. “En dez anos, todas as bibliotecas van ser virtuais”, opina, polo que cre que hai que fomentar o uso da lingua nos novos formatos para “non estar condenados ao castelán”.
A organización á que pertence si que ten nas súas mans un austero, pero verdadeiro, proxecto de biblioteca. Cun catálogo que conta cuns 150 títulos,
principalmente de autores do século XIX, bivir.com permite descargar todas estas obras en galego, en formato pdf para ver no ordenador ou nun portatextos, termo romance que usan na asociación para se referir ao máis coñecido e-book, anglosaxón.
Debido á época na que foron publicados os textos, non hai problemas legais coas traducións, pois os orixinais están libres de dereitos. Nalgúns casos, logran ter á súa disposición obras máis modernas, como O carteiro de Neruda, de Antonio Skármeta, unha das últimas subidas, traducida por X. M. Rivas.
Maure cre que, fóra do argumento da lingua, o valor que ten o portal é que “permite atopar obras que só están traducidas ao castelán dende o orixinal”. É o caso de O destino, do premio Nobel polaco Wladysaw St. Reymont, tamén incluída recentemente. O formato dixital garda, ademais, moitas das vantaxes das edicións en papel. “Pódese subliñar, tomar notas ou agrandar o corpo da letra”, recorda Maure.O mesmo permite Pórtico, un metabuscador posto en marcha por Bugalicia, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, tamén esta semana. Concibido principalmente para os investigadores, pero aberto a toda a comunidade universitaria, o innovador portal funciona como unha sorte de todo en un.
Os seus servizos inclúen a consulta do catálogo (co acceso a máis de 4.000 libros dixitalizados, 10.500 actas electrónicas e 20.500 revistas), a petición de exemplares, a inclusión de citas e a posibilidade de crear unha bibliografía virtual, moito máis manexable que a súa homóloga en papel.
Víctor Freixanes, o director da empresa, explicaba nesa presentación que isto supón “un compromiso co país, para avanzar na modernización da lingua”.
Que vos parece?

Sem comentários:

Enviar um comentário