27/04/09

Menos de 20 dos 300 xuíces de Galicia traballan en galego

Máis datos,deste tema, que de verdade é moi preocupante, e ao fío do acontecido estes días en Foz.
Agardamos moitos comentarios!
Un 90% dos 300 xuíces que traballan en Galicia son galegos, pero só “entre quince e vinte” empregan a lingua da comunidade de xeito habitual no traballo. Algúns dos datos do Libro Branco da Xustiza –publicado polo bipartito en funcións– e da Irmandade Xurídica Galega amosan a escasa normalización do idioma nos xulgados. Un 43% do persoal ten un bo coñecemento da lingua, pero só se emprega no 3,5% das sentenzas ditadas. O Libro Branco recoñece que a cidadanía vese “reconducida a empregar o castelán” nos xulgados pola falta de aptitude do funcionariado. Chaman a atención datos como os da Sala do Social do Tribunal Superior, onde ningunha das 5.824 sentenzas ditadas nun ano estaba escrita en galego. A esta sala chegan precisamente moitas denuncias de sindicatos redactadas en galego.En vista destes datos, a Irmandade creouse en Celanova hai un ano para potenciar o uso do galego no ámbito xudicial. O pasado novembro deu un paso adiante coa sinatura da Declaración de Aciveiro, na que se adquiriu un compromiso firmado por altos cargos das forzas de seguridade do Estado en Galicia, a xudicatura e a Fiscalía, representada polo Fiscal Superior Carlos Varela. Hai uns días, unha trintena de traballadores xudiciais do norte de Lugo asinaron un novo documento, a Declaración de Foz. Mentres os xulgados galegos non están normalizados, o Goberno estatal firmará o luns un acordo co Tribunal de Justicia da Unión Europea para permitir o uso do galego, catalán e vasco neste órgano.

Sem comentários:

Enviar um comentário