Marisol López e Luis Alonso Girgado presentaron as edicións facsímiles e en cedé de diferentes cabeceiras dos séculos XIX e XX da comunidade galega no exterior. Os volumes devolven a "memoria histórica da diáspora", dixo López.
·
Investigadores do Centro Ramón Piñeiro recuperaron varias cabeceiras e almanaques galegos da emigración, elaborados durante os séculos XIX e XX. Tres libros e dous discos recompilan informacións, almanaques literarios e colaboracións en xornais e revistas da época de destacados persoeiros das letras galegas. Compostela acolleu onte a presentación destas cinco publicacións, das que a Secretaría Xeral de Política Lingüística editou 500 exemplares de cada unha. Tanto os libros como os discos poderanse atopar nas bibliotecas públicas e nas librarías, e tamén estarán dispoñibles para a súa descarga na rede.
O director do proxecto é Luis Alonso Girgado, recente gañador do Premio Manuel Lorenzo Barja, polo seu importante labor a favor da cultura galega. Girgado subliñou que o punto de contacto entre todas estas publicación é que "responden ao proxecto de recuperar a prensa galega na emigración", ademais de que boa parte das publicacións da época teñen á figura de Castelao como "inspirador". Asemade, para Girgado, a publicación "máis suxestiva e trascendental" das recuperadas é Céltiga, unha das poucas revistas galegas con longa vida, xa que conseguiu sacar adiante 182 números en 8 anos.
Os cedés que acaban de ver a luz levan por título Prensa galega de Arxentina (1935-1964) e Escolma de Almanaques Galegos (1865-1929). O primeiro deles reúne mostras de exemplares dun total de cinco cabeceiras de prensa: Coro Brétemas e Raiolas, Abrente, Betanzos, Unión Estradense e Airiños. Estes medios de comunicación contiñan informacións de temática musical e cultural, entre outras.
Que pensades?
Sem comentários:
Enviar um comentário