17/03/09

Kathaarsys, a banda galega que triunfa no mundo do metal

Kathaarsys é unha banda de metal progresivo nacida en Santiago de Compostela. O seu nome non é moi coñecido entre o público galego, pero recibiu aplausos de crítica e afeccionados en Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia, Bélxica, Holanda, Romanía, Suecia, Finlandia, México, Chile, Estados Unidos, Xapón ou Corea, entre outros países, onde o gusto polas familias máis escuras do rock está ben arraigado.
Dende o anonimato doméstico, puxeron en marcha a primeira produtora galega -e unha das poucas do Estado- especializada en metal, e veñen de comezar a xira de promoción do seu terceiro disco Anonymous Ballad, que os levará por toda Europa, partindo de Galicia. Xa tocaron en Vigo e na Coruña, pero aínda lles quedan dúas paradas, o 28 en Vilalba e o 29 en Compostela. A partir de aí, Francia, Bélxica, Escocia, Suíza, a República Checa, Bélxica, Alemana e Romanía. Parados non están.
"Temos claro que o fundamental é mirar cara fora. Si, defendemos aos grupos de aquí e o traballo que fan, sen saír é imposible sosterse", explica Marta Barcia, a baixista do grupo, que basea o seu razoamento nunha pura cuestión numérica: "En Galicia, é difícil que un concerto de metal reúna a máis de 100 persoas, unha cifra que en Chile, por exemplo, considerarían un fracaso".
Coa experiencia adquirida nestas viaxes, déronse de conta das grandes diferencias que hai entre España e outros puntos de Europa á hora facer música fóra do circuíto comercial. En palabras de Barcia: "En Bélxica ou no Reino Unido hai produtoras, discográficas e redes de distribución para estilos que non deixan de ser underground, pero que teñen o seu público. Aquí so están as bandas, movéndose como poden, editando soas os discos e facéndose promoción elas mesmas".
Que pensades?

Sem comentários:

Enviar um comentário