27/01/09

Teatro Airiños

Un acontecemento festivo está a ter lugar nas terras de Rianxo nestes precisos días en que se evoca tres fillos egrexios e insignes: Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste. Estase tamén a celebrar o 75º aniversario do Grupo de Teatro Airiños creado en 1933. Dicir Airiños, neste caso, non é unha alusión fútil ou banal. É unha cita transcendente É o grupo escénico probablemente máis antigo e perseverante de Galicia. Facer, pois, a loa e a gabanza de Airiños é como trazar o panexírico do teatro galego. Unha xesta, unha fazaña que nos honra. No teatro está a nosa virtude e o noso esforzo sobranceiros. É a literatura viva e latexante do noso país.
En Asados, parroquia rianxeira, ó bordo da estrada principal, finou Manuel Antonio Pérez Sánchez o 28 de xaneiro de 1930. Tres anos máis tarde nacía Airiños, como obra directa de Manuel Rodríguez Castelao, curmán de Alfonso Daniel. Baixo a éxida e a indubidable protección de Rafael Dieste. No seo do Centro Galerista, no que tamén constaba Manuel Losada Castelao, o outro irmán. Cómpre advertir que os Irmáns Insua, de gloriosa memoria, morreron, con outros compañeiros, no holocausto do bou Eva, no porto de Vigo, en 1937. Preferiron a morte antes de caer en mans fascistas. O episodio resulta dramático. É ben coñecido na historia galega da guerra civil.
A primeira obra representada por Airiños foi un xoguete cómico-folclórico de Prado Lameiro: A retirada de Napoleón, que volven representar na conmemoración. Outras obras foron, a partir da refundación en 1957, Mal de moitos, O rei da carballeira, Na casa do cirurxián, Un home de sorte, O cego de Xestosa... Pero a gloria de Airiños reside esencialmente en representar A fiestra valdeira, de Rafael Dieste, que levou en periplo por Galicia. Cando se celebrou o centenario de Manuel Antonio no 2000, montaron unha preciosa evocación que titularon Ronsel de estrelas. Eran xa actores afeccionados de gran perfección. Durante tempo ocupou a dirección un asadés notable, Ramón Pimentel Castaño,un xastre ilustrado que non abandona ata finais da década 90. Hoxe o director é o poeta, mestre, actor e dramaturgo, Xesús Santos Suárez. ¿Cal era o ideario de Airiños cando comezou? É válido agora: o enaltecemento da lingua a través do teatro, a recuperación de autores dramáticos coñecidos, a creación de obradoiros de teatro para nenos, a cultura do pobo. Poden resumirse neste parágrafo: "Catro xeracións de actores afeccionados que, sen pretendelo, converteron Airiños no testemuño vivo do patrimonio común de entre séculos, no símbolo dun pobo que non se resignou a perder un dos principais sinais de identidade: a súa lingua".

Sem comentários:

Enviar um comentário