03/11/08

A Real Filharmonía grava contos clásicos nun proxecto con Galaxia

A Real Filharmonía de Galicia grava en directo a música que acompaña o relato do conto O prodixio dos zapatos de cristal , unha versión en galego de A Cinsenta que vai editar Galaxia dentro do proxecto Musicontos.
O rexistro sonoro, a cargo dun equipo da Radio Galega dirixido por Pablo Barreiro, fíxose 0 30 de outubro e continuou o 31 no Auditorio de Galicia, diante dun público formado por mil rapaces de diferentes colexios de toda Galicia que asisten ás sesións didácticas do centro cultural compostelán.
O autor desta versión do popular conto infantil é o escritor Xosé Antón Neira Cruz, que tamén adaptou para o mesmo proxecto Musicontos outros dos clásicos que xa foron gravados pola Real Filharmonía, pero sen público. Un é O debut de Martiño Porconi. O que foi dos tres porquiños e o lobo , unha relectura de Os tres porquiños na que o protagonista do relato é un gran tenor, Martiño Porconi, que lembra as tremendas peripecias que viviu cos seus irmáns por culpa dun lobo malvado. O terceiro conto musicado parte de A sereíña e, baixo o título Un bico de amor e vida , actualiza a fantasía da serea introducindo unha reflexión sobre a catástrofe do Prestige .
A iniciativa de Galaxia de editar estes Musicontos lévase a cabo coa participación do Consorcio de Santiago, que se implica no proxecto coa participación da Real Filharmonía de Galicia. Os libros, que terán formato álbum e iran acompañados do correspondente cedé, están ilustrados por Rodrigo Chao, que se encargou de O prodixio dos zapatos de cristal ; Federico Fernández, autor gráfico da historia dos porquiños, e Enjamio, que ilustra o da sereíña. Os libros estarán á venda no mes de novembro, e son o resultado da colaboración entre o director asociado da Real Filharmonía, Maximino Zumalave, e do escritor Neira Cruz.
Imos estar pendentes da publicación dos “Musicontos!”, igual poden ser unha boa aposta para a nosa biblioteca! Que vos parece?

Sem comentários:

Enviar um comentário