03/11/08

Galicia na feira The Language Show de Londres

Sabedes que a lingua galega está presente desde o 31 de outubro e ata o vindeiro domingo, 2 de novembro, na feira británica dos idiomas, The Language Show? É un lugar de encontro para os interesados no sector da aprendizaxe de linguas. Esta é a primeira vez que Galiza participa neste evento.
The Language Show conta con aproximadamente 160 expositores doutras tantas institucións e entidades relacionadas coa aprendizaxe de linguas, e está previsto que durante os tres días da feira se desenvolvan no recinto londinense de Olympia uns 80 seminarios con cursos intensivos, charlas arredor dos métodos de aprendizaxe.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística sumouse este ano por primeira vez a este evento, ampliando deste xeito a súa participación nas feiras internacionais de idiomas de París, Berlín e Lisboa.
A profesora lectora de lingua e cultura galegas na Universidade de Oxford, María Liñeira, xunto con outros técnicos, está a facilitar información sobre o galego e sobre as posibilidades para a súa aprendizaxe, tanto no Reino Unido como en calquera parte do mundo. Un total de catro centros de estudos galegos (Oxford, Birmingham, Bangor e Stirling) ofrecen a posibilidade de estudar galego en universidades británicas.
Que vos parece? Agardamos os vosos comentarios.

Sem comentários:

Enviar um comentário