17/11/08

A literatura infantil galega, portuguesa e francesa reúnese no Porto











Profesionais da escrita, ilustración e edición, e persoas expertas en literatura infantil e xuvenil galega compartiron experiencias esta fin de semana. Conferencias, debates, presentacións de libros, obradoiros, espectáculos musicais e exposicións conforman o programa dos XIV Encontros Luso–Galaico–Franceses do Libro Infantil e Xuvenil. O tema do encontro é "A memoria nos libros: historia e historias". A LIX galega estará presente en Porto con Gálix como entidade coorganizadora, e co apoio da Consellaría de Cultura e Deporte. Poderemos ver as ilustracións orixinais de Puag, que noxo (Galaxia) de Fina Casalderrey e Xan López Domínguez, O coelliño branco (Kalandraka) de Xosé Ballesteros e Óscar Villán, A memoria das árbores (Kalandraka) de Xosé A. Neira Cruz e Kiko Dasilva, Paxaros de papel (Xerais) de Marilar Aleixandre e Lázaro Enríquez, Bolboretas (Everest Galicia) de Xabier P. Docampio e Xosé Covas, Chocolata (OQO) de Marisa Núñez e Helga Bansch ou Tres desexos (OQO) de Eva Mejuto e Gabriel Pacheco.A presenza galega en Porto estivo representada tamén por Miguel Vázquez Freire e An Alfaya, que ofreceron unha conferencia co título "Viaxe polas palabras da memoria". Pola súa parte Agustín Fernández Paz participou nunha mesa co tema "A escrita da memoria", entrevistado por Xavier Senín e Isabel Soto, e nun encontro con lectorado novo, en que tamén participou o ilustrador José Tomás. Tomas expuxo, ademais, unha mostra de banda deseñada co título "Homenaxe ás vítimas do Portillo". Ánxela Gracián, de Edicións Sotelo Blanco, interviu na mesa redonda sobre Memoria e edición de libros infantís e xuvenís.

Sem comentários:

Enviar um comentário