13/05/18

III Mercado Tradicional

E por fin o día 11 celebramos a terceira edición do noso Mercado Tradicional, organizado polo EDL en colaboración con toda a comunidade educativa, e o patio norte do centro converteuse, durante toda a mañá, nunha feira dos oficios, na que se podían atopar zoqueiros, cesteiros, canteiros, carpinteiros, fiandeiras, costureiras, palilleiras...; acompañáronnos tamén o Museo do Mar de Noia, o MUPEGA, a Asociación do Traxe Tradicional e as Minas de San Finx; de darnos de comer ocupáronse filloeiras, rosquilleiras, panadeiros, un churreiro e os nenos e nenas, con postos de bolos preñados, rosca e outras delicias. Como non podía faltar a música, esta correu a cargo do alumnado que durante o curso asistiu a clases de baile e música tradicional e do grupo O Son do Pote; os asistentes divertíronse en xogos tradicionais, na Mesa das Letras galegas ou facendo papiroflexia e globoflexia... Ata nos amosaron como se facía unha malla!
En fin, un ano máis tivemos unha xornada de convivencia de toda a comunidade educativa cos veciños e veciñas do Concello  e da contorna, que serviu para pór en valor de novo o noso patrimonio material e inmaterial, do que forma parte, como non, o seu valor máis prezado e o que lle dá sustento: a lingua.
Estas son algunhas das imaxes do día; poderedes ver máis en breve na galería da nosa web.












Sem comentários:

Enviar um comentário