26/09/13

O comedor escolar debería ser gratuíto? Os alumnos argumentan.

Comezamos o curso escolar cunha novidade: o pagamento do comedor escolar en función da renda familiar. Sobre este tema opinaron e argumentaron os alumnos de 4º B da ESO. Estas foron as súas respostas:



A mediados do curso pasado anunciábase a Lei de comedores escolares. Os alumnos deberán pagar ese servizo, dependendo da renda anual da súa familia, desde 0 euros ata 4,50. En parte estou de acordo e en parte non.

En principio, a educación debería ser totalmente gratuíta (libros, comida...), pero como isto non é así, estou de acordo en que  os que pasan da renda mínima paguen para así axudar aos que non teñen ou teñen moi pouco.

Eses cartos deberían depositarse en cada centro para investilos en libros, mapas, ordenadores ou material escolar.

(Diego)



O curso pasado, lendo o periódico en clase, saltou a noticia de que habería que pagar o comedor neste curso 2013-14; ó primeiro non nos pareceu moi ben a ningún, porque tampouco sabiamos facer moi ben esas contas. Agora que o entendo máis ou menos, estou de acordo.

Paréceme bastante ben porque penso que hai xente que ten os seus fillos no colexio todo o día, mesmo comendo, porque é gratis, cando poderían comer con eles; agora, que moitos teñen que pagar, preferirán que os seus fillos vaian comer á casa.

Ademais, cando haxa votacións nos colexios para a xornada intensiva, algún pais que querían a xornada completa, ao mellor agora cambiarán de opinión.

Tamén me parecería ben que, xa que pagamos, parte dos cartos recadados en cada colexio se utilizase para mellorar algunhas cousas dese colexio, como comprar material ou arranxar o necesario.

En conclusión, que a lei está ben se pagan só os que mellor renda familiar teñan, non todo o mundo; os de menor renda, que paguen pouco ou nada.

(Iván)



Paréceme moi inxusto que pagues o máximo se non es do concello no que se sitúa o colexio. Non entendo a razón.

(Alejandro)



O problema é que vai haber algunha familia que pola renda lle resulte caro pagar o comedor escolar, pero non poden ir buscar os seus fillos por culpa dos seus traballos.

(Alba)



A partir deste curso, o servizo de comedor escolar en Galicia, ata agora gratuíto, será de pago para moita persoas dependendo  dos ingresos anuais dos que dispoñan na familia.

Non deberían pagalo algunhas familias con gastos excesivos para a súa renda, ben por ter unha hipoteca ou por calquera outra situación.

Por outra parte, a lei é unha boa forma de obter ingresos para o goberno e, así, pagar a débeda que ten a comunidade autónoma. Tamén servirían para mellorar servizos básicos como a sanidade ou os colexios públicos.

Polo tanto, é unha boa idea para o goberno e unha mala idea para as persoas que non poden asumir ese gasto. Con todo, o comedor escolar non é un servizo tan necesario coma outros, xa que a maioría das familias poderían recoller no colexio os fillos e darlles de comer nas súas vivendas.

 (Martín)



A partir deste curso, dependendo dos ingresos que gaña unha familia por ano, terá que pagar ou non o comedor escolar.

Penso que debería ser gratuíto, xa que a alimentación non é un luxo que temos, senón un dereito de todos os días.

Tampouco estou de acordo en que algunhas familias paguen 4 € diarios, pois un rapaz de 8 ou menos anos non come a cantidade de alimento que se compraría con ese diñeiro.

Por outra parte, considero que deberían pagar rapaces que poñen no prato moitísima comida, non a comen e ao final acaban tirándoa: iso é un desperdicio moi grande.

Pero en xeral paréceme que debería ser gratuíto, xa que comer non é un capricho senón un dereito.

(Mateus)

E aos demais que vos parece? Deixádenos a vosa opinión.
 

1 comentário:

  1. Saúdos, e partindo do suposto de dar por necesario o copago nos comederos (suposto por min non compartido na sua totalidade)

    Tres apuntamentos:

    1.- Facerlle pagar a un raparig@ de 3 anos 4.5 € polo que come diariamente , é un imposto en toda regra para financiar á educación , non para autofinanciar o que el/ela come , posto que un prezo esaxerado para o que leva á boca . Querer comparar a comida dun/ha nen@ de 3 anos con outro de 13 , que paga o mesmo , é unha salvaxada.

    2.-O que se consegue é que os pais e nais busquen algunha casa dentro do Concello de Lousame para censar os rapaces e que lle saia mais barato . Trampa , por chamarlle dalgún xeito , con total ausencia de control . Se X rapaces collen o bus dende Noia diariamente , ida e volta , como é que viven en Lousame? . Estou dacordo con que a xente se busque a vida deste xeito, mais non con que co meu diñeiro se financie o menú dos seus fillos .

    3.-Segundo isto, estou dacordo con que os pais con mais renda paguen 1 ou 2 euros polo menú dos seus rapaces (é un xeito de darlle valor aos diñeiros públicos xa que xeralmente o "todo gratris" non é valorado convintemente) , que se coman produtos con calidade (cónstame que na Silva isto xa é así) , que no Parlamento de Galicia se deixen de autofinanciar os menús dos deputados (manda carallo que pague cáseque o mesmo un deputado por comer menús escollidos , que un raparig@ de 3 anos) , que se controle o "todos iguais" e que mentres non sexamos capaces de autofinanciar a educación pública se deixe de regalarlles inxentes cantidades de diñeiro aos colexios concertados . Quen desexe dar unha educación privada e dirixida aos seus fillos , que se rasque o peto , pero co diñeiro que pago polo que , non comen , os meus fillos no comedor escolar , NON !!

    Bon día .

    ResponderEliminar