EDL

EDL

20/12/11

XENTE DE AQUÍ... XENTE DE LOUSAME

A nosa homenaxe a Cunqueiro neste ano do seu centenario que está xa a piques de rematar.

Sheriff Bill
Sheriff Bill ten entre 30 e 40 anos e non está moi ben da cabeza; dálle igual todo e todos, non respecta a ninguén, nin sequera á garda civil: o último que fixo foi atar a súa bici ao coche dos gardas porque lla querían quitar. Ten no seu haber moitas máis anécdotas, é un fenómeno: fala cun corvo, monta as cabras no coche…
Unha vez mesmo  estivo a punto de ser nomeado sheriff de Lousame. O caso foi que nas eleccións do ano pasado decidiu presentarse  e fixo uns carteis moi graciosos nos que aparecía montado nunha ovella e pedía: “Vota ao Sheriff Bill”. Á xente fíxolle tanta graza que o votaron e, cando chegou o momento do reconto, tiña unha boa morea de votos. A historia chegou mesmo aos periódicos. Como os empregados municipais lle arrincaron os carteis, descargou un tractor de esterco diante da porta do Concello.
Malia as súas tolerías, é un dos meus mellores vecinos.
Adrián Sánchez Romero (4º C ESO)

José o Baliño
A José, un ser particular da nosa vila, chámanlle cariñosamente O Baliño, porque é un bala perdida. Por circunstancias da vida, meteuse nun dos peores vicios do mundo: o alcohol. Era de casa de ricos, pero despois da morte dos seus pais e do divorcio todo lle foi de mal en peor.
Non obstante, grazas a el pasamos moi bos momentos. Acórdome dun día que pasabamos por diante da súa capela, herdada da súa nai xunto coa casa, e coma un tolo desde o alto comezou a gritar: “Lume, lume na capela”. Nós, coma parvos, corremos á busca de mangueiras e caldeiros de auga. Ó chegarmos de volta, descubrimos que era mentira e vimos a Baliño no alto do campanario a rir e a tocar a campá. Ese mesmo día meu tío, para devolverle a xogada, cando Baliño estaba enriba dunha laranxeira , colle unha pistola de bólas e comezou a disparar. Asustado, Baliño empezou a gritar e tirouse ao chan. Ao día seguinte miña tía atopouno durmindo a carón da laranxeira e , cando nos veu chamar, non podíamos parar de rir.
Baliño non é mal home, pero ás veces as súas bromas non son moi agradables e hai que devolverlas.

Natalia Vázquez Lojo (4º C ESO)

Pepe de Roo
Na aldea de Silvarredonda vive Pepe, Pepe de Roo. Desde que lle morreu seu pai, súa irmá e despois súa nai, perdeuse totalmente. Tiña que tomar unha medicación e polas noites andaban sempre a buscalo porque escapaba.
Unha desas noites, Pepe marchou da casa en roupa interior ata a aldea de Vilas. Alí vivía unha muller que se chamaba Teresa e foi ata a súa casa pedirlle para casar. Como ela lle dixo que non, desde ese día Pepe ía sempre para insistirlle ata que lle dixera que si.
Agora non poderá ir máis dar as súas camiñadas polas noites: seica o internaron nalgunha residencia.
Lorena Rodríguez Cernadas (4º C ESO)

1 comentário: