01/06/10

NO MEU MAR, NA MIÑA LINGUA


Baixo este título agóchase un importante proxecto normalizador que presentou onte o ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo,pero que ten un longo percorrido e xa obtivo varios premios de innovación educativa e normalización. A cultura mariñeira tan ligada a esta vila é a base do traballo que durante os tres últimos anos desenvolveron alumnos e mestres coordinados polo equipo de normalización lingüística do centro. O resultado son unha serie de láminas, un vocabulario en formato papel e tamén dixital e uns vídeos que non recibiron máis que piropos por parte dos convidados á presentación da iniciativa "No meu mar, na miña lingua" .
Á presentación asistiron o secretario da Real Academia Galega (RAG) e director do Centro de Terminoloxía Científico-técnica de Galicia, Manuel González; o tamén académico Francisco Fernández Rei; a coordinadora de equipos de normalización da provincia, Mercedes Queixas; Olga Iglesias, representante da Xunta; e a concelleira de Cultura, María del Carmen Figueira. Todos destacaron o valor dunha iniciativa que desde que botou a andar se fixo con tres galardóns nos Premios de Innovación Educativa e Normalización Lingüística.
Valentina Formoso, coordinadora do equipo de normalización do centro e impulsora do proxecto, explicou as metas da posta en marcha do proxecto No meu mar, na miña lingua , unha iniciativa coa que se levou ao papel a terminoloxía relacionada cos distintos tipos de embarcación.

Dende Lousame a nosa noraboa ao ENDL e ao centro en xeral!!

Sem comentários:

Enviar um comentário