EDL

EDL

08/03/10

O Comité Breizh-Galiza publicará as notas da viaxe de Cunqueiro á Bretaña


A asociación propuxo a creación dunha Casa bretoa no noso país -e viceversa-.
O Comité Breizh-Galiza/Bretagne-Galice, asociación que procura profundar nas relacións e o coñecemento mutuo entre as dúas nacións atlánticas, acordou este sábado en asemblea publicar as notas da viaxe que Álvaro Cunqueiro realizou á Bretaña en 1964 acompañado do gaiteiro Polig Monjarret. Será con ocasión da tradicional festa bretoa Gouel-Erwan, que se desenvolverá no mes de maio, segundo informa a Agence Bretagne de Presse. O Comité Breizh-Galiza ten previsto editar tamén un folleto de presentación da Bretaña en galego. Ademais, na asemblea que se desenvolveu en Mur propúxose impulsar a creación dunha Casa da Bretaña na Galiza, o que implicaría -afirman- unha Casa da Galiza na Bretaña.

Importancia dos irmandamentos

Incidiuse por outra banda na importancia de dar máis pulo aos irmandamentos entre localidades, iniciativa que contribúe a "unha mellor comprensión e enriquecemento mutuo entre pobos", segundo o presidente do Comité, Pierre Joubin. Kemper (Quimper, en francés) e Ourense é unha destas unións; tamén An Oriant (Lorient) estreitou os seus vínculos con Vigo; e Roazhon (Rennes, capital administrativa bretoa) prevé a súa ligazón con Compostela.

1 comentário:

  1. Isto faime lembrar a carta de Marie Christine Flaux, acordádesvos dela? Pois é unha bretona afincada en Galiza que fala perfectamente o galego e que, ademais, se sente orgullosa de facelo. Eu, que a coñezo moi ben, sei que está desgustada nos últimos tempos. Sente que a sociedade galega está a facer o mesmo cá bretona, non loitar polas súas raíces e polo seu idioma. Se non lembrades o seu escrito, eu emprázovos á unha lectura coidada, merece a pena. Búscade neste mesmo blogue e atoparédela. Esperamos tamén os vosos comentarios.

    ResponderEliminar