09/12/09

Quico e Paula na procura das súas cancións

Quico Cadaval e Paula Carballeira andan a buscar as súas cancións. Buscan pentagramas, voces e sintonías que marquen o ritmo da súa relación. Dunha relación teatral que vén baixo o título de Pressing Catch. Ese é o nome do espectáculo no que andan a traballar. Cadaval, coa dirección, e Carballeira, co libreto, forman a parella creativa desta nova obra da compañía Berrobambán. Unha obra que busca cancións a través dun particular certame no que os dous elixirán as melodías do espectáculo.
“Decidimos convocar este concurso porque entendemos que o teatro é unha arte global e un dos moitos elementos que o compoñen é a música”, confesa Paula Carballeira. Con esa percepción da escena, os responsables de Pressing Catch decidiron convocar un certame musical que non se pechará até o próximo día 15 deste mes ás 12.00 horas. Ese é o momento exacto no que o xurado comezará a meditar para acadar un fallo que será público o día 22, o mesmo día da Lotería de Nadal. Nesa xornada coñeceranse os gañadores desta competición, pero haberá reintegro para todos. “Todos os grupos que participen terán, ao seu xeito, unha recompensa pola súa implicación”, avisa Paula Carballeira.
Este concurso está aberto a todo aquel intérprete ou grupo galego que queira que as súas creacións se fundan nun abrazo sobre o escenario co teatro. Os interesados deben enviar as súas propostas ao correo electrónico berrobamban@gmail.com. As cancións de doce grupos xa están aceptadas para o certame e están dispoñibles no escaparate sonoro e virtual que a dirección habilitou na páxina www.berropressing.blogaliza.org. Alí pódense escoitar Novedades Carminha, Galegoz, Zënzar, Meninos Carente, Roberto Sobrado, Impulsos criminais, Soyuz Sound System, Nº Pi, Labazada, Kelaya e Sacha na Horta.
Animádevos a participar!

Sem comentários:

Enviar um comentário