29/05/09

Xosé Manuel Beiras, premio Trasalba

A Fundación Otero Pedrayo salienta no político e catedrático santiagués "toda unha vida dedicada ao galeguismo, na máis xenerosa tradición do que significou no seu día a Xeración Nós". O galardón estaba concedido antes das eleccións galegas, aínda que non foi feito público ata onte.
A comisión de goberno da fundación, que é encargada de designar anualmente a persoa á que se lle dedica o premio, logo de recabar opinións do conxunto do Padroado, valorou a traxectoria vital de Xosé Manuel Beiras. Salientou a súa "vida entregada xenerosamente a Galicia", ademais de destacar a súa dimensión intelectual, cívica e de pensamento.O Trasalba, que ten carácter honorífico, entregarase, como todos os anos, na festa literaria que se celebra o derradeiro domingo de xuño, na casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro. Consiste nun debuxo enmarcado de Isaac Díaz Pardo, unha placa e un Libro dos Amigos, conmemorativo do acto, no que se lembrará de forma especial a memoria de Ramón Otero Pedrayo.O encargado de realizar a laudatio do homenaxeado será, nesta ocasión, o presidente da Real Academia Galega e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xosé Ramón Barreiro.O premio, anual e de carácter honorífico, recompensa a labor intelectual e galeguista dalgunha figura. Entre outros, recibírono Milladoiro, Xosé Neira Vilas, Isaac Díaz Pardo, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Francisco Fernández del Riego.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário