Unha xaponesiña de cinco anos, filla de nai xaponesa e pai arxentino, saúdanos en galego. Nas salas do segundo e o terceiro andar, as paredes están adornadas con murais sobre a literatura galega. Alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato interpélannos no coloquio en galego. Un galego que soa exótico, arxentinizado, pero que tamén é noso. Na biblioteca dos máis pequenos hai libros galegos, e algúns máis na dos cursos superiores. Arredor de catro mil volumes. «Son os que nos envía a Xunta», coméntannos os profesores. «Necesitariamos algúns máis. Pero imos pouco a pouco».
O instituto Santiago Apóstol, fundado en 1963 nas instalacións do Centro Galicia, en Buenos Aires, é o único centro no mundo onde, fóra de Galicia, se estuda segundo os programas educativos nosos (lingua, cultura e historia de Galicia), e este ano sae a primeira promoción, que ten prevista unha viaxe de estudos ao país contra o mes de xullo. En total son arredor de cincocentos alumnos e case noventa profesores. Igual que existe o Liceo Francés, o Instituto Alemán ou o Colexio Británico, existe en Buenos Aires este centro galego, de carácter privado, apoiado pola Xunta a través da Fundación Galicia-América, ao que acoden alumnos e alumnas fillos e netos de galegos, e outros que non o son, pois o establecemento educativo está aberto ao conxunto da sociedade porteña.
Dende logo que unha gran iniciativa! Que pensades?
Sem comentários:
Enviar um comentário