03/04/09

O Consello da Cultura prepara un congreso sobre Seoane para o 2010




Para celebrar o centenario de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979), o Consello organiza unhas xornadas e publicará tamén o epistolario do exiliado republicano e galeguista.


Onte á tarde falou no salón de sesións do Centro Galego de Bos Aires o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, iniciando un programa de actividades que inclúe dúas conferencias, a presentación de tres publicacións e a inauguración de exposicións en Bos Aires e Rosario (Arxentina).
A súa conferencia, titulada "Luís Seoane e cultura galega en Bos Aires", atendía á especial proxección deste creador como "pintor, deseñador, escritor e promotor cultural de gran relevancia para a cultura arxentina, pero tamén para a galega europea, que con Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Arturo Serrano-Plaja, Otero Espasandín e Rafael Dieste, constituíron un equipo de traballo que marcou a industria editorial, o deseño gráfico e a crítica literaria de Bos Aires durante mais dunha década".
Acompañouno o presidente do Centro Galego, Julio Martínez Fernández e a directora do Instituto Arxentino de Cultura Galega, Aurora Barbeito. A conferencia serviu para clausurar a exposición itinerante "Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración", promovida polo Consello e a Secretaría Xeral da Emigración, e inaugurada o pasado 4 de marzo no Centro Galego de Bos Aires. Trátase dun conxunto de 62 paneis verbo-icónicos que resumen mais dun século de historia do asociacionismo e a capacidade autoorganizadora da emigración galega. Con anterioridade puido verse en Lisboa, Sevilla, e Mar de Plata, e o vindeiro 4 de abril será inaugurada no Centro Galego de Rosario polo Presidente do Consello da Cultura Galega.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário