27/03/09

Un pouco de pintura con Urbano Lugrís, o pintor do mar




A Nosa Terra achéganos á Casa do Pescador, de ruta por Malpica, onde damos cos murais do que foi o gran pintor do mar: Urbano Lugrís recreou mundos fantásticos sempre reflectindo o forte pouso que o mar tiña na súa vida.
Son murais que o pintor realizou arredor do ano 56, por encarga. Urbano Lugrís nacera na Coruña, en 1908, fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da RAG, e da pianista Purificación González. Viviu o ambiente intelectual e distinguido da Coruña de principios do século XX, e estudou Peritaxe Mercantil. Durante a II República, en Madrid, coñece a Lorca ou Alberti, fantasea con Mobby Dick e coñece a Odisea de memoria. Xunta Dieste, e as Misións Pedagóxicas, percorre o Estado co teatro de títeres, pintando decorados ou mesmo póndolle voces aos monicreques.
Logo da guerra dedicouse a pintar murais, e ten un fillo, Urbano Lugrís Vadillo, que tamén levará a pintura e o mar no sangue. Nas últimas décadas vive en Vigo, con algunha escapada á Coruña e Compostela, amigo dos Beiras, dos Álvarez Blázquez, ou Antón Patiño. Morreu en 1973. Foi un surrealista serodio, que seguiu o ronsel de Cándido Fernández Mazas e Eugenio Granell. No 97 fíxose a maior exposición dedicada a Urbano Lugrís (comisariada por Rosario Sarmiento e Antón Patiño), no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Dez anos despois, publicouse en Ediciós do Castro o libro de Antón Patiño Urbano Lugrís:Viaxe ao corazón do océano, que abrangue a súa vida e obra, tanto a pictórica coma a literaria, a través de relatos e poemas asinados co seudónimo de Ulyses Fingal.

Que vos parece?

Sem comentários:

Enviar um comentário