28/02/09

Un texto esquecido de Avilés de Taramancos

A literatura galega para nenos ten unha nova que produce ledicia, xa que se recupera un conto inédito de Avilés escrito na década dos cincuenta, cando aínda esta literatura non reaparecera case en Galicia, e iso grazas ao labor da editora, a profesora Aurora Marco, que acompaña cun pormenorizado estudo esta edición. Conto que se pode inserir non xénero marabilloso, que ten o mérito de unir unha tradición europea á que nos é propia, cunha lingua que reflicte ben o estado do galego na altura en que foi escrito, lingua chea de encanto e de graza, aínda sen os corpiños normativos, o que neste caso aumenta o pracer do lector. Con esta obra o poeta de Noia pasa a ocupar un lugar xa importante na literatura galega infanto-xuvenil, pois foi autor tamén da peza teatral Tres capitáns de tempos idos, que se recuperou en 2003. A profesora Aurora Marco, tras explicar o achádego do texto e as relacións do autor co lectorado infantil, estuda logo as características dos contos marabillosos, das personaxes e as funcións que representan na obra, as coordenadas de espazo e de tempo e a relación da historia co imaxinario galego, sen esquecer apuntamentos sobre o estilo do autor e dando conta dos seus criterios como editora, que respectou o galego de Avilés tal como o escribiu. Esta historia, que transcorre «en terras do Escuro Bosco, nun pazo feito de mármore de tódalas cores» aparece magnificamente ilustrado por Veiras Manteiga, o que converte este pequeno volume nun perfecto agasallo para os nenos galegos.
Que vos parece?

Sem comentários:

Enviar um comentário