Mísil contra a lingua: comparan a defensa do galego co amparo a ETA
A estratexia de facer coincidir a manifestación de Galicia Bilingüe contra a política lingüística do bipartito coa fin de semana previa ao inicio da campaña nas eleccións autonómicas, está a provocar un insólito despregue de xuízos políticos sobre o galego. Se nos últimos meses quedaba claro que o Partido Popular (PP) e Unión, Progreso y Democracia (UPyD) ían utilizar o idioma como arma arreboladiza, a medida que se achega a contenda electoral, novos colectivos, como a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT), desembarcan en Galicia con discursos que fan pensar nunha deriva ideolóxica de perversos efectos.
AVT, que apoia a manifestación do día 8 de febreiro en Compostela porque é "necesaria", non dubidou onte en relacionar a política lingüística galega con ETA. A asociación considera que se está a rexistrar unha "imposición lingüística" e que os grupos que apoian -"radicais e extremistas"- son "os mesmos que organizan actos a favor de terroristas e os mesmos que dan berros de apoio a organizacións mafiosas como ETA ou vitorean organizacións proetarras como Segi e Jarrai".
Nunha entrevista concedida á Cadea Cope, recollida por Europa Press, Feijoo adiantou que apoiou que dirixentes populares "a título individual" asistan á manifestación, como os portavoces do PP en Vigo e A Coruña, Corina Porro e Carlos Negreira, respectivamente; pero aparcou aclarar se Galicia Bilingüe contará co apoio expreso do PP galego ata que o partido reciba formalmente a invitación. Volveu prometer que derrogará este decreto se chega ao goberno. Tamén garantiu que se é presidente daralles "garantía plena" ós pais dos escolares de Educación Infantil para que elixan a lingua na que queren que os nenos empecen a ler e escribir.
En canto ó resto de etapas educativas, mostrouse en desacordo con que todas as materias troncais se impartan en galego e, para establecer unha porcentaxe concreta, adiantou que ao final de cada ciclo formativo lles preguntará ós pais as súas preferencias.
Non cabe ningunha dúbida que as comparacións son odiosas!
Que vos parece a noticia? Dádenos a vosa opinión!
Do misil xa non vou dicir nada, as comparacións son odiosas. O que me sorprende é a preocupación que teñen agora algúns por consultar cons pais, o que me parece ben por outra parte. Pero por que agora? Os meus fillos e mais eu sempre estudamos todo en castelán, dende infantil á universidade, e aos que agora protestan non se lles ocurriu preguntar nada. Non será que lle teñen fobia á nosa lingua? Xa está ben, non? Para chegar ao bilingüismo que predican quédanos moito que axudarlle antes ao galego.
ResponderEliminar