O CGAC acolle ata maio unha exposición sobre a arte e a cultura galegas na década dos 70
Portas de luz, un proxecto multidisciplinar comisariado por Alberto González-Alegre, é a última proposta do Centro Galego de Arte Contemporánea. Trátase dunha mostra formulada como unha aproximación aos acontecementos culturais e especificamente artísticos que tiveron lugar na Galicia dos anos 70.
A exposición, que estará aberta ao público ata o próximo 3 de maio no soto do CGAC, vén marcada pola «vontade pedagóxica, pensada en termos de proximidade co grande público e, polo tanto, obrigadamente redutiva en canto a nomes, obras e sucesos», comentou o comisario da mostra. O título, Portas de luz, tomado dunha obra de Lodeiro, fai referencia ao período histórico no que se encadra. A pesar de que existe un amplo acordo ao redor do feito de que a explosión das liberdades tanto en España como en Galicia tivo lugar na década dos 80, os anos 70 conformaron un período previo no que comezaron a verse algunhas manifestacións que converterían ao mundo da cultura e da arte en territorios de disidencia, innovación e experimentación.
Aínda que na exposición déuselle un espazo preponderante ás artes clásicas (pintura, escultura e arquitectura) o resto das manifestacións estéticas contan cunha remarcada presenza. Entre outras cousas, Portas de luz inclúe unha amálgama de textos, como Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín, ou Seraogna, de Alfonso Pexegueiro, así como proxectos arquitectónicos de Alejandro da Sota, César Portela e Manuel Gallego.
Imos vela e comentamos?
Sem comentários:
Enviar um comentário