10/12/08

Unha base de datos rexistrará as ilustracións galegas de 1880 a 1936

A Universidade de Vigo fará desde Ourense a catalogación e dixitalización destas obras e os seus autores.
A Facultade de Historia da Universidade de Vigo vai iniciar o inventario dos fondos das ilustracións en libros e revistas de vangarda en Galicia entre os anos 1880 e 1936, material disperso en bibliotecas públicas e privadas. Tamén se realizará un catálogo rigoroso das obras e os seus autores para dixitalizar eses fondos de tal forma que poida establecerse unha base de datos na Red sobre este aspecto do patrimonio cultural galego. O proxecto subvenciónao o Ministerio de Ciencia e Innovación para o equipo da catedrática María Victoria Carballo-Calero Ramos.
Así se achegará ao público un arte pouco coñecido ata agora. Pártese de 1880, ano do Rexurdimento da literatura galega coa publicación das obras Follas novas, de Rosalía de Castro, e Aires da miña terra, do celanovense Curros Enríquez. Como din os membros do equipo, ese ano será o desencadenamento para revitalizar a cultura galega, vitalidade freada co inicio da contenda civil española en 1936. Naqueles tempos, en Galicia non se editaban libros para bibliófilos, como acontecía en Cataluña, precisamente porque na nosa terra, di Carballo Calero, non houbo unha elite capaz de facer do libro un artigo de compra exclusiva, «polo mero pracer de ter un obxecto belo», di a investigadora principal.
Céltiga, Nós e Lareira
As ilustracións e ilustradores a catalogar danse na escena urbana, onde este arte foi de masas e os empresarios industriais investiron na edición de libros belos, animando a non poucos artistas gráficos. Neses volumes escribían personaxes como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Murguía, Vilar Ponche e moitos outros. E os ilustradores eran, entre outros, Soto Freire, García Ybarra, Ánxel Casal, Roel, Ferrer ou Gerardo Castro.
O equipo que vai catalogar esta riqueza detense nas editoriais Céltiga, Nós e Lareira. «A súa implicación no galeguismo é directa, utilizan unha rica iconografía e unha variedade técnica no gravado, xilográfico, linóleo...», sinalan. Ata agora os estudos sobre a ilustración de libros en Galicia son escasos, aínda que os hai que axudan a situar a cuestión en relación coas correntes culturais contemporáneas.
Para a base de datos, os autores localizarán libros ilustrados tanto nas súas cubertas como no interior. A procura levará a cabo en once bibliotecas galegas que á súa vez gardan as doutros personaxes. é o caso da Biblioteca da Deputación de Ourense, onde están os libros de Ben-Cho-Sey e Blanco Amor. Tamén se buscará na Biblioteca Municipal de Ourense, na da Universidade de Santiago e na da Facultade de Xeografía e Historia. Seguirase o rastro aos libros galegos ilustrados entre 1880 e 1936 na Biblioteca do Museo do Pobo Galego, a do Real Seminario de Estudos Galegos e a da Real Academia de Galicia. A investigación continuará pola Fundación Penzol en Vigo, o Museo de Pontevedra, a do Mosteiro de Poio e a Biblioteca Provincial de Lugo.
Que pensades?Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário