16/12/08

O Consello da Cultura e Xerais compilan o pensamento galego



O volume, presentado o 12 de decembro, reúne en setecentas páxinas un catálogo de 110 autores, ao que lle seguen dezaseis estudos monográficos ·· Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García foron os coordinadores

Achegar unha visión ordenada das ideas que ao longo dos séculos foron conformando o que hoxe somos como pobo. É o obxectivo co que sae do prelo o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, presentado no Consello da Cultura Galega (CCG), en Compostela.
A obra, editada por Xerais, ofrece unha "visión global e panorámica do noso pensamento", tal como explicou Andrés Torres Queiruga, coordenador, xunto con Manuel Rivas García, do proxecto. Isto supón unha novidade no catálogo editorial do país, xa que, alén de monográficos sobre autores e aspectos concretos, e dalgunhas obras máis xerais, como O pensamento galego na Historia. Aproximación crítica, de X.L. Barreiro Barreiro ou Crónica Viva do Pensamento Galego, de Marcelino Agís, pouco se publicara antes neste ámbito.
O Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego é o froito dun traballo de anos dunha comisión formada no seo da Sección de Filosofía e Pensamento do Consello da Cultura Galega. Torres Queiruga preside esta comisión, -integrada tamén por María Xosé Agra, X. L. Barreiro Barreiro, Xosé Luíis Barreiro Rivas, Antón Fernández, Xoán López Facal e Xosé García-, que contou coa colaboración dun total de 46 autores/autoras na redacción dos textos. A obra estrutúrase en dúas partes. A primeira analiza, a modo de diccionario, o pensamento de 110 autores e autoras, sobre todo galegos, pero tamén o dalgúns que malia non ter nacido en Galiza, viviron no noso país ou deixaron unha pegada importante na nosa cultura.
No caso dos autores vivos, o libro expón a súa biografía e obra escrita e publicada, sen entrar en xuízos de valor. Dos autores falecidos ofrécense, porén, estudos máis en profundidade.
A segunda parte, concibida como un complemento da primeira, é a enciclopédica: nela abórdanse, de xeito monográfico, 16 temas: antropoloxía, ciencia, dereito, economía, estética, exilio, feminismo, liberalismo e absolutismo, literatura, matemática, medicina, nacionalismo, pedagoxía, política, prensa e relixión. O libro, de 700 páxinas, remata cun índice temático e outro onomástico.
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, salientou que agarda que esta publicación "sirva para visualizar os recursos humanos e intelectuais que temos en Galiza".
O profesor e teólogo Andrés Torres Queiruga sinalou que este dicionario de pensamento deixa aberta a porta a novas achegas que poidan enriquecelo, e referiuse, como tamén o fixo o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, á posibilidade de darlle vida en internet .

Sem comentários:

Enviar um comentário