03/11/08

Sopa de marsopa


Sopa de marsopa
Isabel Freire (texto)/ Jon Puga (ilustracións)

Lestes este libro? Animádevos e imos comentando?

Podemos adiantar que é unha novela entretida, unha historia de ficción que mestura os planos do mundo real coa fantasía e a imaxinación, cando a situación se fai insostíbel. Os tres eixes clave da novela son: os personaxes, a trama e os detalles. Hai dous grupos claramente diferenciados de personaxes: os “bos e os malos”, perfilados como antiheroes e identificados cun risco físico, de aí o apelativo xenérico, home-carta, o Cellas, rapaz-guapo, ou mediante nome propio como Angus Verribaster Gnga ou o profesor Botelléz. Os personaxes “bos” aparecen identificados con nomes propios como Roncudo Lor, Bilbo Bons ou o can Puskas. O nome do protagonista responde a un xogo de palabras no que se mesturan o nome do hobbit protagonista da obra de Tolkien (Bilbo Bolsón) co alcume do axente James Bond. Pero, ao contrario que este, Bilbo Bons non é un arquetipo de detective, pois é baixo, gordiño, inxenuo, bondadoso, amigo dos animais e moi curioso, unha curiosidade que o leva a seguir calquera cousa estraña e a vivir as aventuras máis fantásticas. A trama preséntase con certa dose de intriga, que consegue momentos de tensión e, por último, os detalles teñen nos animais o seu punto de referencia: a marsopa e o can Puskas manterán viva a atención nas dúas historias, a primeira porque é o eixe no que xira a aventura e o segundo porque é o salvador dos protagonistas.
O libro acompáñase das marabillosas ilustracións figurativas de Jon Puga (Vigo, 1982), coas que se estrea como ilustrador de libros, que amosan diferentes escenas das aventuras do detective Bilbo Bons e o seu amigo Roncudo

1 comentário:

  1. Ola!!Chámome Jon e son o ilustrador deste libro,espero que vos guste tanto a historia coma as ilustracións.E se queredes ver máis debuxos e outras cousas visitade o meu blog:jonpuga.blogspot.com/
    Un saúdo,atalogo.

    ResponderEliminar