28/10/08

Neste curso 2008-2009, imos facer moitas actividades!.

Neste curso 2008-2009, imos facer moitas actividades!. Como sabedes, algunhas delas xa están en marcha, pero contámosvolas todas por se vos queredes apuntar a algunha ou tedes algunha idea:

O ENDL ten proxectado realizar, dentro das medidas das nosas posibilidades, as seguintes actividades (moitas delas como xa sabedes xa están en marcha):

1. O TABOLEIRO DA LINGUA
Como vimos facendo estes anos, no corredor central do centro dispoñemos dun taboleiro que nos identifica e que utilizamos para múltiples actividades:
- Un grupo de alumnos/as encárganse de revisar diferentes fontes de información (prensa diaria e semanal, revistas, internet...) e colocar alí as novas relacionadas coa lingua: novidades editoriais e discográficas, estreas cinematográficas e teatrais, aprobación de leis, datas sinaladas para a lingua, viñetas de humor...As noticias recóllense cada mes e arquívanse, coa idea de facer no último trimestre un Anuario da lingua.
- Periodicamente –normalmente cada quincena-, convócanse concursos, destinados a todos os rapaces e rapazas, no que se deben resolver cuestións relacionadas con moi distintos temas: música, enigmas matemáticos, historia, literatura, xeografía... O alumnado investigará o resultado acudindo a distintas fontes documentais, na maioría dos casos á internet. Implícase ós profesores especialistas en cada tema e ó resto do profesorado, especialmente ós titores de primaria, que animan ós alumnos e lles axudan. Entre os acertantes elíxese un gañador, que recibe un agasallo consistente en material normalizador.

2. SUBSCRICIÓN A PUBLICACIÓNS EN GALEGO.
Somos socios da Mesa pola Normalización Lingüística e recibimos as súas publicacións; tamén estamos subscritos aos xornais A Nosa Terra e ás revistas Tempos Novos e A Retranca. Da subscrición a Galicia Hoxe encargarase este curso o centro. Do que se trata é de que, tanto o profesorado como o alumnado, dispoña de información na nosa lingua e a utilice sempre que o desexe. No caso das publicacións da Mesa sonnos útiles, ademais, para os propios membros do Equipo, que en moitos casos extraemos ideas para actividades ou nos informamos con máis detalle dalgunhas cuestións.

3. ADQUISICIÓN E DIFUSIÓN DE NOVIDADES bibliográficas ou en calquera soporte que sexan interesantes como recurso normalizador e ofertárllelas ós departamentos e/ou grupos que as poidan usar: banda deseñada, revistas temáticas, música, programas informáticos, dicionarios, vocabularios específicos... O ENDL pretende que moitos destes materiais sexan adquiridos dende a biblioteca. Nós farémonos cargo da ampliación da mediateca en galego que xa comezamos o curso pasado, especialmente de CD´S de música en galego de distintos tipos (folk, folk revisado, rock, hip hop, cantautores...) e para tódalas idades. Estará situada dentro da biblioteca, que será quen regule o préstamo. A través da nosa bitácora e outras actividades daremos a coñecer as novidades entre o profesorado e, sobre todo, entre os alumnos e alumnas. Nalgúns casos o préstamo chega tamén aos pais a través dos seus fillos e fillas.
4. ELABORACIÓN DE TRÍPTICOS QUE RECOLLAN INFORMACIÓN SOBRE RECURSOS EN GALEGO organizados por temas de interese, destinados a grupos concretos: profesorado, alumnos/as, pais/nais, persoal do comedor... Polo momento pretendemos preparar un destinado aos pais/nais.

5. TRABALLOS DE CAMPO SOCIOLINGÜÍSTICOS.

Preténdese facer un estudo do uso do galego na Igrexa dentro do Concello de Lousame, co fin de extraer datos, difundilos e ver a posibilidade de adoptar algunha medida que mellore a situación.

6. PREMIO LEIXAPRÉN

Dende o ano 2000, xunto cos centros de secundaria de Rois, Noia, Muros, Outes e A Picota, convocamos, organizamos e concedemos o Premio Leixaprén, destinado a premiar unha persoa ou institución que se distinga polo seu traballo a prol da lingua. Para iso creouse a Coordinadora Leixaprén, como entidade sen fin de lucro á que se une este curso o IES Porto do Son; ó longo do primeiro trimestre do curso, os membros dos equipos de normalización de tódolos centros reúnense periodicamente ata elixir o premiado ese ano. Este curso encargarase do acto de entrega do premio,ó que asisten tódolos demais centros e que ten lugar no 3º trimestre o IES Poeta Añón; os gastos derivados de agasallos, materiais diversos, publicidade, etc. corren a cargo de tódolos equipos da coordinadora.
É unha actividade traballosa, especialmente para o centro organizador, pero que aumenta a visibilidade dos equipos, dá a coñecer personaxes que desenvolven o seu labor en galego e que prestixia a lingua.

7. GRAVACIÓN DUNHA MENSAXE PUBLICITARIA A PROL DO USO DA LINGUA.

Tentaremos gravar un anuncio arredor dalgún destes dous temas: a necesidade e o dereito a usar a lingua ou ben a lexitimidade do uso das variedades dialectais da nosa zona na lingua oral, co fin de desbotar prexuízos.

8. GALEGUIZACIÓN DO COMEDOR

Seguindo co traballo realizado en cursos anteriores neste servizo escolar, pretendemos elaborar carteis informativos e que exhorten aos usuarios do comedor a usar as formas galegas correctas dos distintos alimentos: peixes, carnes, froitas, verduras...

9. OBRADOIRO LITERARIO, EN COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA.

Continuaremos a nosa colaboración coa AELG e solicitarase un obradoiro de creación literaria impartido por un escritor da asociación, destinado ao alumnado de secundaria. O obxectivo é aumentar no alumnado o gusto pola literatura en galego e potenciar a súa creatividade, coa finalidade de que se animen a producir os seus propios textos literarios na lingua do país. Ademais ofrécenselle modelos sociais de referencia .

10. XORNADA CUN PERSOEIRO OU INSTITUCIÓN que desenvolva o seu labor en galego.

Na liña do curso anterior, en que nos visitou un ilustrador, tentarase organizar a visita dalgunha persoa ou institución que realice unha actividade atractiva para o alumnado e o faga na nosa lingua. En colaboración cos titores, daráselles a coñecer aos alumnos e alumnas o seu labor e preparase unha xornada con ela. O fin perseguido é ofrecerlles modelos sociais de referencia.

11. CORRELINGUA 2009

Un ano participaremos no Correlingua. No terceiro trimestre faremos pancartas e outros materiais, así como un breve himno para levar á manifestación pola lingua, á que irán 100 alumnos de secundaria. Tratarase de participar nos concursos convocados pola organización de banda deseñada ou manifesto, do que xa quedamos unha vez finalistas. O obxectivo é que alumnado e profesorado reflexionen sobre a situación do idioma e o usen para distintas actividades pracenteiras para eles, ademais de intercambiaren experiencias con alumnos/as doutros centros da comarca e observaren que “non están sós”.

12. MELLORA E AMPLIACIÓN DUN BLOG.

Os membros do ENDL creamos o curso anterior unha bitácora con distintas seccións (libros, música, cine, novas, lexislación, ligazóns de interese...). Démoslle difusión para que toda a comunidade educativa o coñecese, o visitase e o tivese entre os seus favoritos. Os destinatarios son tódolos membros da comunidade, pero especialmente o profesorado e o alumnado; o obxectivo é ofrecerlles unha actividade lúdica en galego, ligada ás TIC, e que teñan modelos sociais de referencia que lles interesen. Este ano seguiremos traballando nela e melloraremos detalles na presentación dos contidos, ademais de buscar unha maior participación da comunidade nel.

13. REVISTA ESCOLAR

Continuaremos coa revista escolar, unha actividade que se prolonga ao longo de todo o curso e da que se publicará o número 7. Participan nela tódolos alumnos interesados, en distintas tarefas, desde a redacción á enmaquetación, grazas as cales aprenden a traballar en equipo, redactar ou enmaquetar con programas como o Corel Draw. No último número participaron 200 alumnos de primaria e secundaria e 14 profesores e o curso pasado editáronse 500 exemplares.

14. LETRAS GALEGAS 2009

Entre outras actividades, o profesorado e alumnado de primaria elaborará un grande cartel sobre o persoeiro homenaxeado no 2009 que se exporá no corredor central do centro dende comezos de ano. Ademais, varios membros do ENDL forman parte do proxecto de formación “Integración das TICS no centro educativo”, do que esperan obter coñecementos para realizar unha web quest ou outra actividade dixital relacionada con este tema.


15. CURSO DE TEATRO

Propóñemonos traballar co teatro dende dúas frontes. Por unha banda, O ENDL reuniuse coa directiva da ANPA para analizaren as actividades previstas para este curso. Considerouse a necesidade de ofertar algunha que potenciase a creatividade e a oralidade en galego dun xeito lúdico. Deste xeito, o ENDL organizou un curso de teatro, impartido por unha persoa con experiencia na materia, que ofertará a ANPA como unha actividade extraescolar. O financiamento da actividade corre a cargo da ANPA e o ENDL dará unha pequena axuda económica.

Por outra banda, estamos estudando a posibilidade comezar a organizar nós un grupiño de teatro propio, con alumnado de secundaria, que ensaie unha pequena obra relacionada cun tema sociolingüístico e que se podería representar no noso centro e mesmo no concello.

Participa nelas!

Sem comentários:

Enviar um comentário