E, parafraseando o título do libro de Ferrín, de Santiago a Guitiriz. Rematamos o curso co anuncio da RAG de que no 2014 o homenaxeado das Letras Galegas será o poeta Díaz Castro, autor da obra Nimbos e cuxo poema, "Penélope", aparece en tódalas antoloxías e historias da literatura galega. Un poema para o momento que lle tocou vivir ao autor e que, pasado o tempo, volve ter ecos de actualidade. Lédeo e disfrutádeo. Bo verán a todos!
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Sem comentários:
Enviar um comentário