O sábado presentouse en Cenlle (Ourense) a campaña A lingua do padal. Colleita 2010. Máis Galega. A iniciativa, impulsada polo Foro Peinador e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (Afnlg) non busca máis que promocionar a etiquetaxe das botellas das adegas galegas en galego. “Nun momento de crise tan importante como o que estamos a vivir, é máis preciso aínda manter en pé este poderío económico e con proxección de futuro; esta proxección debe estar baseada, entro outras estratexias, na diferenza nos mercados globais, velaí están os piares da nosa mensaxe”, asegura Xosé González, presidente do foro e fundador do colectivo a prol da lingua propia.
Campañas coma esta, que dunha ou doutra maneira levan desenvolvéndose desde hai sete anos, acadaron boa parte dos seus obxectivos. Se en 2003 eran sobre unha ducia as adegas que etiquetaban os seus viños integramente en galego, hoxe en día son uns 170 dun total de 400 empresas do ámbito as que usan o idioma propio nos seus envases. Se todo vai segundo o previsto, na colleita deste ano uniranse moitas que posibilitarán que case ou a metade das adegas teñan xa as súas etiquetas en galego. “Ese debería ser o obxectivo e coido que o imos conseguir”, di Xosé González, que destaca tamén que en termos de produción –tendo en conta que grandes adegas como Martín Códax, Abadía da Cova ou Terras Gauda etiquetan en galego– o 75% das botellas saídas de Galicia están etiquetadas na lingua propia.
Tendo en conta a cantidade de botellas que se venden noutros países, dende o Xapón ata os Estados Unidos, o viño é unha excelente plataforma de promoción para o noso idioma, así que a nosa noraboa aos adegueiros e ao Foro Peinador polos logros acadados.
Sem comentários:
Enviar um comentário