23/05/10

Premio Leixaprén 2010


Como vos dixemos hai uns días, o 20 de maio entregouse o XI premio Leixaprén no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón. Como sempre, resultou un acto formidable, ao que asistiron as persoas da 3ª idade do Centro de día de Dodro e no que se notou o compromiso e a participación de toda a comunidade educativa, así como a colaboración do Concello.


Para comezar, logo das palabras do alcalde e da Coordinadora territorial dos ENDL, escoitamos unha conferencia de Lorenzo Baleirón sobre os pazos de Dodro e asistimos a unha proxección entrañable de fotos antigas do Concello, titulada "Pola banda de Laíño. Memoria dos tempos idos". Segundo nos contaron é o comezo dun proxecto máis ambicioso de recuperación da memoria que continuará en cursos vindeiros. Ao rematar, agasalláronos cun libriño destas fotos. A seguir, escoitamos aos alumnos de 2º ESO recitar a "Letanía de Galicia", a súa particular homenaxe a Novoneyra nesta festa da lingua.


Pero a festa continuou e puidemos escoitar rock galego feito polo grupo local Intercoles, que soou moi ben; ver as representacións de "Así foi doutor", baseada nun texto de Suso de Toro; e asistir ao diálogo arroutado "A tía Palmira", coas que todo o público se divertiu moito. Logo deste momento tan ameno, Manolo Maseda fixo unha semblanza do homenaxeado esta edición e este subiu a recoller o premio. Os que coñecedes a Xurxo Souto xa vos imaxinaredes como foron as súas palabras de agradecemento. Na súa breve disertación mesturou a reivindicación do noso idioma con humor e moita música: cantou -e cantamos con el- a Mercedes Peón, Manu Chao, cantigas populares, Pinto d'Herbón e mesmo unha rancheira. No remate, Xurxo á voz e Manolo Maseda ao acordeón, acabaron cantando e tocando co grupo Intercoles para pór fin á festa.
Dende Lousame, os nosos parabéns a todo o CPI de Dodro e ao coordinador do ENDL, Carlos Negro.

O curso que vén, o centro organizador será o IES de Porto do Son, que de seguro fará tamén unha boa festa.




Sem comentários:

Enviar um comentário