18/05/10

Milleiros de persoas saen á rúa en defensa do galego




A organización cifrou a asistencia á manifestación, que recibiu o apoio de máis de 500 colectivos, do PSdeG e do BNG, nunhas 100.000 persoas, pero a diferenza doutras ocasións, a Policía Local non achegou datos oficiais sobre as súas estimacións. Non entanto, algúns asistentes aseguraron que houbo unha maior participación que na marcha do pasado mes de xaneiro e situárona en parámetros similares á convocatoria de outubro, cando tamén 'Queremos Galego' lograra reunir ao redor de 50.000 persoas.
En todo caso, a Praza do Obradoiro, onde collen ao redor dunhas 25.000 persoas, estaba chea do mesmo xeito que os seus laterais de acceso e os organizadores subliñaron que, tras unha hora de marcha polas rúas compostelás, a cola da manifestación aínda se atopaba á altura da Praza de Galicia.
Nun ambiente festivo ao son de tambores e no medio de consignas como "En Galiza, en galego" ou "as aulas da Galiza en galego", a manifestación arrincou da Alameda de Santiago encabezada por unha pancarta na que se lía "O galego, a forza do noso amor", frase de Uxío Novoneyra, o escritor ao que se lle dedica este 17 de maio.
A pancarta principal ía sostida, entre outros, polo portavoz da plataforma convocante, Carlos Callón; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; o deputado nacionalista Bieito Lobeira; e a coordinadora nacional de EU-IU, Iolanda Díaz.
Ao comezo da manifestación, Carlos Callón resaltou que existe "un 20% de analfabetos funcionais en galego", dato que subliñou que evidencia a necesidade de articular medidas para reverter esta tendencia. Por iso, apelou á Xunta para que "escoite a voz da sociedade" e emprenda medidas que potencien a lingua propia "historicamente desfavorecida", para garantir "a igualdade real" co castelán.
Ademais, o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística subliñou que informes xurídicos como o ditame do Consello Consultivo indican que o decreto do plurilingüísmo que pretende aprobar o Executivo galego é "ilegal e inconstitucional". Neste sentido, contrapuxo as alegacións deste órgano, que sitúan o proxecto "fóra do ordenamento xurídico", coas que expuxera contra o decreto do anterior Goberno bipartito, que dixo que se referían "a cuestións menores".

Sem comentários:

Enviar um comentário