08/02/10

«Twittear» dise «latricar» en galego

«Twittear» en galego dise «latricar». Internet conta desde fai menos dun mes cunha nova rede social de microblogging , é dicir, un portal onde os usuarios se comunican a través de mensaxes de menos de 140 carácteres, que está feita en Galicia. Chámase Latri.ca, e é un proxecto persoal de Manuel, que forma parte dun grupo de usuarios que dedican o seu tempo libre a «crear proxectos en galego para Galicia». Coa mesma idea naceu Sinxelo, un servizo de anuncios clasificados gratuíto, e Blogalego, un buscador de bitácoras en galego.
O auxe das redes sociais promoveu a chegada de Latri.ca, un espazo «onde a xente puidese compartir os seus temas de actualidade, preocupacións ou afeccións», explica o seu creador. O nexo común dos seus usuarios é Galicia e esta proximidade do proxecto permite que, «se queres seguir latricando, podes quedar para tomar algo. A idea era facilitar unha ferramenta rápida para mellorar a comunicación».
En menos de 30 días, esta rede social xa conta con máis de 160 usuarios. A pesar de ser unha unha cifra discreta, Latri.ca pode converterse nunha alternativa aos portais maioritarios. «Competencia, non creo, é simplemente unha alternativa local», recoñece Manuel, xa que o seu proxecto é pequeno, sen ánimo de lucro e con poucos recursos. O seu obxectivo é convertelo nunha comunidade virtual con Galicia como denominador común.
Ademais, dado o carácter inmediato deste tipo de portais, Latri.ca xa está adaptado aos dispositivos móbiles e preséntase como unha opción máis para informar de actividades que se desenvolvan en Galicia, como concertos ou manifestacións.
Opinade!

Sem comentários:

Enviar um comentário