O cine galego non só é posible, senón necesario. Para iso é obrigado “contar coa canteira” de profesionais que conforman o audiovisual galego, que é amplo e de gran calidade, afeitos a acadar milagres con poucos medios. Por iso cando os cineastas saen fóra de Galicia triunfan sempre e ao grande. Por iso hai que procurar que non emigren.
Estas son algunhas das conclusións da segunda das xornadas 20 anos de Cine Galicia na que se proxectaron Sempre Xonxa e Urxa –o martes foi Continental– tres películas históricas do cine galego a partir das que se organizou este certame que concluíu onte na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. As xornadas serviron para reflexionar sobre o a situación do audiovisual galego nas últimas dúas décadas e onte concretamente para contar coa visión de tres realizadores galegos que deron a súa visión sobre o futuro do sector.
Deste xeito, Luis Avilés, que presentou a súa próxima película Retornos –estréase en marzo de 2010 –, aposta por un cine autóctono que se converta na “busca dunha voz que saiba contar e transmitir” algo da terra onde se orixina. Ademais, a Administración “debe alimentar a criatura ata que sexa forte”, pero de forma positiva e consensuada, pois Avilés non está de acordo coa política de subvencións que non sempre favorecen a quen deben facelo.
Finalmente, para lograr un bo cine “hai que esquecerse do diñeiro e concentrarse no traballo”, aconsellou ante unha multitude de futuros novos creadores da facultade do campus pontevedrés. De aí a importancia que para el ten o labor das produtoras, que deben ser as que busquen o financiamento. E das empresas distribuidoras e exhibidoras, porque como dixo, facer cine –e especialmente en Galicia– é “unha gran carreira de fondo” que require “paciencia, tesón, moita paixón” e sobre todo “crer nun mesmo e aproveitar as oportunidades”.
Hola Claudia, son Iván de 4º de ESO A,grazas por preocuparte polo noso futuro e que sigas traballando neste blog.
ResponderEliminar