Vodafone vai editar en galego os seus contratos e usará a toponimia correcta. O Director de Xestión de Clientes de Vodafone, Jaime Bustillo, púxose en contacto co Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, para informalo de que están a realizar xestións para que o seu contrato tipo estea dispoñíbel en galego. Ademais, trasladoulle o interese de Vodafone en utilizar sempre a toponimia galega correctamente. A Mesa pídelle á compañía que haxa servizo de atención ao cliente en galego as 24 horas, tanto para particulares como para empresas.
Estes pasos en Vodafone son froito dunha campaña iniciada pola Mesa pola Normalización Lingüística de envíos masivos de solicitudes ás empresas de telefonía móbil para que oferten a opción de galego en todos os seus servizos. Vodafone dá, nestes momentos, a posibilidade da atención en galego aos clientes particulares, das oito da mañá ás doce da noite, que se pode activar chamando ao 123. A Mesa pide que este servizo na nosa lingua poida ser as 24 horas. Ademais, nestes momentos non hai opción de atención en galego para os contratos de empresas, malia que existe unha demanda neste sentido.
A POSICIÓN DE MOVISTAR.- O Director de Relacións Sectoriais e Proxección Social de Movistar, Rafael de Sábada, púxose tamén en contacto coa Mesa, indicándolle o seu interese en “coñecer de primeira man as súas prioridades e profundar no noso esforzo por achegarnos á realidade de Galiza”. Neste encontro, que A Mesa agarda que se celebre nas próximas semanas, pedirán que os clientes e clientas de contrato teñan opción de todos os servizos en galego. Nestes momentos, só a clientela con cartón de prepagamento ten esa opción, chamando ao 220.
A MESA CONTINÚA COA SÚA CAMPAÑA: "ESIXE UN SERVIZO DE CALIDADE. ESIXE ATENCIÓN EN GALEGO".- O colectivo cidadán en defensa da lingua entende que negar a posibilidade de usar o galego supón un tratamento pouco axeitado e un deterioro na calidade do servizo de telefonía. Por esa razón, continúan a animar a todos os clientes e clientas de Vodafone, Movistar e Amena a que lles fagan chegar as súas queixas ás respectivas compañías, co firme convencemento de que coa presión cidadá se conseguirán adiantos aínda máis importantes no recoñecemento dos nosos dereitos lingüísticos.
Sem comentários:
Enviar um comentário